NATUR-SMART.- Xornada de traballo en Villamartín de Don Sancho (León)
A Asociación Forestal de Galicia participou o 22 e 23 de outubro na reunión e visita do proxecto NATUR-SMART que tivo lugar no municipio leonés de Villamartín de Don Sancho.
Ademais de participar nunha reunión de xestión do proxecto, os representantes das entidades que participan en NATUR-SMART visitaron o monte de propiedade municipal de 1 300 ha dentro da Rede Natura 2000 onde se van levar a cabo as actuacións previstas no proxecto.
Entre outros, preténdese abrir varias rutas de sendeirismo, unha delas para visitar as oito fontes naturais que hai no monte, que se van mellorar para que emanen máis auga e reducir o estancamento, unha delas conectarase ademais cunha charca acondicionada para refuxio de anfibios e con outros dos bebedoiros para fauna silvestre e gando. Estes carreiros van ser rozados e sinalizados con carteis informativos para facilitar o percorrido ás persoas que as visiten.
Asemade, está previsto a mellora da masa forestal a través de rareos e plantacións de enriquecemento con capudre no rebolar. Neste percorrido outonal houbo ocasión de observar a extraordinaria produción de cogomelos nestas carballeiras e nos prados que aparecen intercalados. Ademais houbo ocasión de ver unha antiga colonia de nidificación de abelleiros, buracos nos troncos do peto mediano e un grupo de voitres levantado o voo.
O proxecto NATUR-SMART pretende conservar e mobilizar os servizos ecosistémicos agroforestais mediante la creación dun modelo de xestión integral e sostible que aumente a biodiversidade, a resistencia e a resiliencia das masas, entre outros.
En Galicia a Asociación Forestal de Galicia está traballando en dúas zonas piloto nos concellos de Piñor (Ourense) e Folgoso do Courel (Lugo).
NATUR-SMART conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.