NATUR-SMART.- Reunión e visita ás zonas piloto galegas
O proxecto NATUR-SMART, Conservación da biodiversidade a través de modelos de xestión agroforestal integrais e a creación de redes de tecido asociativo, que recibiu o pasado ano da Fundación Biodiversidad algo máis dun millón e medio de euros, reuniuse por cuarta vez, en Galicia, o 1, 2 e 3 de outubro coa coordinación de COSE, Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España. O proxecto está poñendo en marcha diferentes modelos de xestión agroforestal integrais e a creación de redes de tecido asociativo con enfoque de xénero para favorecer a xestión forestal en terreos forestais privados.
No contexto actual de cambio climático e para aumentar a resistencia e resiliencia dos sistemas forestais nestas zonas piloto levarase a cabo a diversificación dos tipos de aproveitamentos, a inclusión de métodos de restauración ecolóxica, valoración de servizos ecosistémicos e de conservación da biodiversidade, e unha xestión adaptativa e participativa.
O día 1 tivo lugar unha reunión de xestión do proxecto coa introdución e resumo xeral do proxecto, a cargo de Patricia Gómez, xerente de COSE. Posteriormente presentáronse as accións e concretáronse os indicadores e resultados, propostas, cambios e modificacións, así como o repaso de orzamentos e a resolución de dúbidas.
O día 2 de outubro tivo lugar unha visita á zona piloto de Vilar en Folgoso de Courel, en Lugo, formada por monte veciñal en man común e de particulares. Este monte, que ardeu no verán de 2022, está dentro da Rede Natura 2000 nunha zona de alto interese ecolóxico da Serra do Courel. No terreo estanse levando a cabo varias actuacións para rexenerar a masa forestal cortada tras o incendio e potenciar o uso mutifuncional con distintos tipos de aproveitamentos forestais, compatibles coas características de cada zona de actuación. Entre outros estase traballando na recuperación dun antigo carreiro, estanse realizando rozas, selección de abrochos e poda, a sega-roza de recuperación dun pasteiro e o establecemento dunha pequena plantación de plantas aromáticas e medicinais.
Pola tarde o grupo asistiu a unha proxección da película de docuficción “Corre o vento”, da cineasta local Paula Fuentes e Guillermo Carrera, finalizando a xornada cunha visita guiada polo presidente e o técnico do Xeoparque Montañas do Courel ao pregamento xeológico de Campodola-Leixazós.
O día 3 de outubro fíxose unha visita a unha agrupación de xestión conxunta de montes de particulares, Entreoslameiros, situada en Lousado, no concello de Piñor, Ourense. No monte predomina unha masa de piñeiro galego (Pinus pinaster) de rexeneración natural na que se efectuará unha silvicultura preventiva de incendios e multifuncional, poñendo en valor os afloramentos graníticos intercalados e os valos de pedra que separan as parcelas.
Conta tamén cunha masa de frondosas caducifolias, onde se prevé a eliminación de especies invasoras, o control do mato para reducir o risco de propagación de incendio forestal e favorecer a produción micolóxica da zona e o turismo da natureza. Naquelas zonas onde se encontren intercalados piñeiros, estes deberíanse retirar de maneira progresiva. Esta masa poderá ser obxecto de aproveitamento de leñas para uso doméstico. Esta área ten un relevante interese protector da biodiversidade e do recurso hídrico e optará á certificación como servizo ecosistémico de biodiversidade.
NATUR-SMART conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

![]()















