NATUR-SMART.- Primeira asemblea da agrupación forestal de xestión conxunta do sitio piloto de Piñor
Venres 23 de maio tivo lugar no Centro Cultural de Arenteiro de Piñor a primeira asemblea xeral de socios da agrupación forestal de xestión conxunta Asociación para a Valorización do Monte Entreoslameiros Lousado de Piñor creada ao abeiro do proxecto NATUR-SMART.
Esta agrupación agrupa actualmente un total de 27 persoas, pero séguese traballando na identificación das propiedades e conseguindo novas incorporacións a este proxecto conxunto que persigue xestionar e valorizar unha área forestal composta por piñeiral de piñeiro pinaster na zona alta do monte e frondosas caducifolias na baixa.
Entre outros temas, as 9 persoas que asistiron á asemblea aprobaron as contas correspondentes ao ano 2024 e o orzamento para 2025, así como as actuacións previstas (traballos técnicos e de silvicultura) no monte da agrupación para este mesmo ano ao abeiro do proxecto NATUR-SMART.
Os traballos están encamiñados á redución do risco de incendios, a favorecer a biodiversidade ligada á vexetación de ribeira e a recuperar masas de piñeiros autóctonos abandonadas.
Co proxecto NATUR-SMART (natureza intelixente) preténdese ofrecer diferentes exemplos de como se pode recuperar a actividade agroforestal en territorios abandonados ou en proceso de abandono, como un último esfuerzo para revertir esta tendencia cando inda quedan posibilidades.
NATUR-SMART conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.