NATUR-SMART.- Encontros comarcais sobre o tecido asociativo
O 22 e 23 de xullo celebráronse con éxito nas comarcas do Courel-Ribeira Sacra e Carballiño, os encontros comarcais organizados pola Universidade de Valladolid (UVa) e a Asociación Forestal de Galicia (AFG), no marco do proxecto NATUR-SMART.
Estas xornadas forman parte das actividades da acción 2 do proxecto e tiñan como principal obxectivo xenerar un espazo de traballo colaborativo con entidades locais, asociacións, propietarios forestais e outros axentes do medio rural, co fin de activar o tecido asociativo, identificar retos comúns e vencellar sinerxias entre os actores mencionados.
A través de dinámicas participativas, propiciouse o diálogo para impulsar o desenvolvemento comunitario e a xestión intelixente do territorio. Tamén se buscaba a participación das mulleres nestes espazos para evidenciar as oportunidades existentes e as barreiras que atopan no medio rural, así como no propio sector forestal.
Ademais, como parte da acción 11 de NATUR-SMART, desenvolveuse unha sesión práctica sobre marketing dixital dirixido pola Fundación Agroecosistema enfocado a asociacións e persoas emprendedoras das contornas rurais. Este módulo abordou estratexias clave para mellorar a visibilidade de proxectos rurais na contorna dixital, uso de ferramentas e redes sociais para a promoción de iniciativas ligadas ao territorio.
NATUR-SMART conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

![]()

