Nace a Fundación Arume para promover a recuperación do piñeiro de Galicia
A Asociación Forestal de Galicia, xunto con oito das principais organizacións galegas da cadea forestal e da madeira e co apoio de Abanca, veñen de crear a Fundación Arume destinada a mellorar os montes de coníferas, a impulsar a mellora xenética do piñeiro e a promover novos usos da madeira. A Fundación Arume pretende facer atractivo o rural para os máis mozos e asentar a bioeconomía forestal en Galicia a través do impulso do piñeiro de Galicia. Na Fundación participan 51 entidades e empresas de toda a cadea forestal, dende os propietarios forestais, viveiristas, empresas de servizos, industria da madeira, ata o colectivo dos arquitectos, e é apoiada por Abanca.
O pasado mes de outubro, estas entidades asinaron un acordo histórico para promover a recuperación do piñeiro de Galicia. O compromiso conxunto do sector enfocouse a impulsar a produción de madeira de calidade posto que nos últimos anos, as masas de piñeiro do país e do piñeiro insigne están en retroceso por diversos factores, como uns prezos de mercado non competitivos, a falta de planta de calidade ou a aplicación de modelos silvícolas pouco idóneos para os requirimentos das industrias. Esta situación, de non producirse un cambio, levaría a medio prazo a un forte descenso nas existencias de madeira de piñeiro. A Fundación Arume nace co firme propósito de reverter esta situación a través de feitos e accións concretas que poñan en valor o piñeiro de Galicia e melloren a situación do rural galego.
José Carballo, presidente da Fundación, Francisco Dans, vicepresidente de Arume, María Sánchez, arquitecta de The Cambium Design, e Ana Busto, de Serrerías Rodríguez, explicaron en rolda de prensa os primeiros pasos da Fundación e cara a onde se van a encamiñar os seus primeiros esforzos.
A Fundación Arume conta cun padroado formado polas seguintes organizacións: Asociación Forestal de Galicia (AFG), Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Asociación de Empresas de Servicios Forestais de Galicia (SERFOGA), Asociación de Viveiros Forestais de Galicia (VIFOGA), Asociación Provincial de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo, Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Madera de Galicia (FEARMAGA), Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), Asociación Galega Monte Industria e Abanca. Este padroado é o encargado de elaborar e aprobar un plan de actuación que conteña os obxectivos e as actividades a desenvolver por parte da Fundación. A Fundación Arume conta con recursos propios para o desenvolvemento das acción a levar a cabo.
Os grandes obxectivos da Fundación Arume
A Fundación Arume nace cuns obxectivos claros: promover o valor e o uso dos montes galegos, dos piñeiros de Galicia, mediante o impulso de plans integrais e a realización de actuacións de dinamización e recuperación dos montes e a potenciación do uso das súas madeiras para xerar un ecosistema sostible e, así, contribuír activamente a unha maior riqueza forestal, á mellora do medio rural, ao benestar da sociedade e ao desenvolvemento económico de Galicia.
Por outra banda, desenvolverá actividades de investigación, a través de proxectos de I+D, de innovación, formación, comunicación e divulgación coa finalidade de mellorar os montes de coníferas, así como a promoción do uso das súas madeiras nos ámbitos propios da cadea da madeira. Fomentará tamén e impulsará modelos de silvicultura tecnicamente contrastados, a mellora xenética dos materiais de reprodución e a certificación da xestión forestal nos montes galegos.
A Fundación Arume nace para sensibilizar á sociedade e ás Administracións Públicas acerca da importancia medioambiental e económica dos ecosistemas dos piñeirais e do uso dos piñeiros de Galicia, así como promover as medidas lexislativas axeitadas para protexer e promover a silvicultura activa e a xestión sostible dos montes e uso da madeira de coníferas de Galicia.
Finalmente, para a Fundación é vital preservar e comunicar os valores ambientais, culturais, sociais e económicos vinculados ao uso da madeira de coníferas de Galicia, promover e fomentar o consumo da súa madeira en todos os ámbitos, así como o uso de produtos certificados e o desenvolvemento de novas aplicacións da madeira con produtos de maior valor engadido.
Catro grandes grupos de traballo e marca propia
Dende a sinatura do convenio de colaboración entre as 51 entidades, establecéronse catro grupos de traballo, formados por representantes dos diferentes colectivos asinantes que están a abordar os criterios para a madeira de calidade que procede de montes xestionados cunha silvicultura activa e marcar así uns prezos axeitados para esta madeira; mellora xenética para que o piñeiro sexa unha alternativa económica viable para o propietario; formación, tanto na industria como nas empresas que realizan traballos silvícolas, posto que se detectou que non existe unha formación, regrada e non regrada, que responda ás necesidades do sector, e o desenvolvemento dunha marca para o piñeiro de Galicia que axude a cambiar a percepción do mercado cara a madeira en xeral, e cara o piñeiro, en particular. Neste sentido, no marco desta presentación anunciouse que a Fundación está preto de rexistrar a marca de “Pino de Galicia”, o que suporía unha maior visibilidade internacional, así como unha certificación da calidade dos nosos piñeiros.
Os primeiros resultados destes grupos de traballo e os pasos a seguir presentáronse ante todos os integrantes da Fundación e ante representantes da Administración, sociedade civil e comunidade académica nun acto celebrado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude.