Instrucións para traballos no monte con alto risco de incendio
A Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 23 de xuño de 2026 pola que se regula a utilización de maquinaria durante a época de perigo alto, nos supostos de índice de risco de incendio forestal moi alto ou extremo.
A realización de traballos e actividades de carácter preventivo, silvícola ou agrícola no monte durante a época de perigo alto de incendio forestal, cando o IRDI acade os niveis de moi alto ou extremo, pódese autorizar (nos termos establecidos no PLADIGA), pero entre as 12.00 e as 18.00 horas, deberanse cumprir os seguintes requisitos:
- Contar cunha persoa en funcións de auxiliar, cuxa función será a detección temperá de posibles conatos de incendio e a notificación inmediata aos servizos de emerxencia a través das liñas telefónicas 085 ou 112 ou da aplicación móbil Alume.
- Ter un vehículo equipado cun depósito de auga cunha capacidade mínima de 400 litros, dous batelumes, un extintor de escuma con base de auga dunha capacidade non inferior a 6 quilogramos e unha mochila extintora cunha capacidade mínima de 15 litros.
En todo caso, o cumprimento destas medidas preventivas e das condicións establecidas pola normativa vixente non exime das responsabilidades que poidan derivar da provocación dun incendio forestal.
Pódese acceder ao texto completo neste enlace.

