Incendios forestais: as crenzas e prexuízos fronte á realidade
Francisco Dans del Valle
Enxeñeiro de Montes, exdirector da Asociación Forestal de Galicia
Reprodución do artigo que, baixo o mesmo título, foi publicado en xuño de 2014 no número 57 da revista O Monte.
O verán do 2013 foi especialmente duro para algúns montes veciñais socios da AFG. O caso máis relevante foi o do monte veciñal en man común de Santa Mariña do Rosal, un monte de 1 500 ha que produce madeira de piñeiro de alta calidade, ben xestionado pola Comunidade de montes e que dá emprego a máis de quince persoas.
Na noite do 23 de agosto de 2013 este monte foi arrasado por un lume mal atallado que afectou a máis de 800 ha e que comezou a 5 km fóra dos límites do monte veciñal.
A catástrofe do monte veciñal do Rosal foi o detonante para que a Xunta de Goberno da AFG decidira elaborar un informe para recoller a opinión dos propietarios forestais e demandar as melloras que pensamos deben realizarse para controlar os incendios forestais en Galicia.
Neste artigo recóllese un resumo do apartado deste informe dedicado a analizar a importancia da participación da cidadanía na prevención dos incendios forestais.
O Informe sobre a situación dos incendios forestais en Galicia que acaba de editar a AFG fai o diagnóstico do problema desde a perspectiva dos propietarios forestais galegos. Os silvicultores galegos queremos iniciar un debate aberto que poida chegar a formular unha política de Estado, compartida polos principais axentes do sector e as institucións involucrados e apoiada pola sociedade galega.
No informe formúlanse propostas de mellora encamiñadas a diminuír o risco de incendios forestais e a facer máis eficientes os recursos dedicados ao control dos incendios forestais.
Os resultados básicos dos últimos 25 anos
Os datos históricos poñen de manifesto que a superficie anual queimada de monte presenta, a partir do ano 1995, unha tendencia decrecente acorde co aumento dos gastos en medios de extinción. En paralelo mellorou notablemente a eficacia dos servizos de extinción como indica a cifra media de superficie queimada por incendio forestal, entre as máis baixas do territorio nacional.
A cara negativa ofrécena o número de incendios que, a pesar do cambio de tendencia producido no 2007, mantense moi alto, sempre por riba dos 4 000 incendios por ano, e tamén o número de incendios catastróficos (os que afectan a superficies superiores a 25 ha) que se está incrementando de forma alarmante.
A participación da cidadanía na prevención de incendios
Moitos expertos manifestan a súa preocupación pola falta de valoración social polo monte e os seus recursos e coinciden na necesidade da toma de conciencia do problema por parte dos cidadáns a fin de aumentar a eficacia das medidas de prevención e para conseguir o rexeitamento social dos causantes dos lumes.
En primeiro lugar, é preciso destacar a falta de información da poboación sobre as responsabilidades e competencias na prevención e extinción de incendios. A profusión de cambios de organismos, de competencias entre Administracións, as contratación por diferentes entidades fan que na actualidade o colectivo de funcionarios dedicado á extinción de incendios forestais sexa opaco e que a opinión pública non valore nin recoñeza a autoridade nesta materia.
Por outra parte, o repaso das intervencións nos medios de información de representantes políticos e a revisión do tratamento do problema na maioría dos medios de comunicación, poñen de manifesto a disparidade de criterios, a falta de consenso sobre políticas, a débil presenza de profesionais dando conta dos lumes ou analizando as campañas, e, especialmente, a reiteración de tópicos nas intervencións de cidadáns e xornalistas. O resultado é unha comunicación que deixa como pouso na opinión pública un sector forestal arcaico e pouco profesional, sometido a unha agresión permanente e no que as autoridades competentes se atopan atrapadas nunha guerra interminable na que se levan enterrados cuantiosos recursos públicos e dedicadas á procura infrutuosa duns supostos conspiradores incendiarios.
As crenzas e os tópicos sobre os incendios forestais
Nesta liña, parece necesario mencionar e acoutar os tópicos frecuentes para comezar a divulgar unha información correcta que lle clarifique aos cidadáns galegos a situación.
As conspiracións, as tramas e os incendiarios. Revisando os fondos das hemerotecas, pódese constatar que, dependendo da época e da instancia autora da afirmación (partidos políticos, diferentes gobernos, analistas periodísticos, asociación civís…) presentáronse como responsables inequívocos dos incendios forestais, entre outros, aos seguintes colectivos:
- Conspiradores que fretan avións con aparatos incendiarios
- A industria da madeira.
- Compradores de madeira, madeireiros.
- Empresarios da construción.
- Tramas políticas de desestabilización.
- Axentes dos servizos de extinción.
- Fabricantes de material e de equipos contra o lume e as empresas que alugan medios aéreos de extinción (a economía do lume).
Os datos estatísticos de máis de 25 anos, as investigacións policiais, as distintas comisións de investigación do Parlamento e, de forma concluínte, os procesos xudiciais que se desenvolveron nos últimos anos e os estudos da Fiscalía Superior de Galicia, tiran por terra todas estas teorías baseadas en crenzas e que enmascararon durante anos unha realidade moito máis próxima e local. A evidencia centra o foco da causalidade dos incendios en costumes arcaicas en áreas deprimidas, nas neglixencias asociadas ao uso do lume como ferramenta de traballo, as bolsas de ignorancia, a ausencia de cultura forestal e, por suposto, a intereses locais para obtención de beneficio con usos agrícolas ou gandeiros directamente enfrontados ao uso forestal do territorio.
As especies pirofitas, as árbores boas e malas. Hai unha corrente de opinión que incide sistematicamente en asociar a proliferación de especies pirofitas: piñeiros e eucaliptos (as especies máis abondosas no monte galego) coa existencia dos incendios forestais, establecendo a consideración de árbores boas e árbores malas. Sen embargo a realidade é que:
- Confúndese o propio termo científico, pirofito, que non quere dicir que estas especies ardan mellor ou favorezan o lume. O pirofitismo indica a capacidade de certas especies vexetais para defenderse do lume e para conseguir a súa rexeneración natural en áreas de incidencia do lume como é a área de influencia mediterránea.
- Na zona norte de Galicia, onde se concentran as maiores superficies de eucalipto, os incendios son practicamente inexistentes.
- Os territorios forestais galegos máis afectados en superficie polos incendios son as grandes áreas de matogueiras sen arborado.
- Os piñeiros e máis os eucaliptos sosteñen na actualidade toda a economía do sector forestal galego, fornecen a materia prima da industria da madeira e dan emprego a máis de 20 000 persoas, especialmente no medio rural.
- En España, nas áreas de piñeirais máis extensas do país situadas nos macizos montañosos das provincias de Soria e de Burgos os incendios forestais son practicamente inexistentes.
- Nos países da nosa contorna, dentro dos que teñen un clima de influencia mediterránea e son máis afectados polos incendios, a rexión na que menos monte arde é Aquitania, no suroeste de Francia, onde se concentra a maior extensión continua de Pinus pinaster (piñeiro do país), máis de 1 millón de ha.
O minifundio. Os incendios forestais de maior superficie, con maiores danos económicos e ambientais e que sistematicamente se repiten nas mesmas comarcas cada certo tempo, prodúcense en zonas onde dominan os montes de gran dimensión, con medias superiores a 200 ha por explotación. Trátase de montes veciñais en man común situados na provincia de Ourense, no sur de Lugo, no sur de Pontevedra e no Barbanza na Coruña. En contraste, as áreas forestais moi parceladas do norte e noroeste galego, así como outras moi produtivas onde domina a propiedade do monte de particulares, son as comarcas que presentan o menor número de incendios, os menores danos e nas que as estatísticas ofrecen os datos de superficie queimada por incendio menores de toda Galicia.
O cidadán urbanita, ao igual ca moitos dos políticos galegos, tenden a asociar minifundismo con abandono, sen apreciar que a realidade é moito mais complexa e diversa.
Esta realidade ten as súas singularidades, como é o caso de comarcas do sur de Pontevedra ou de Ourense onde existe un minifundismo extremo e unhas condicións climáticas moi adversas no verán, unido a unha maior intensidade dos espazos urbano-forestal. No sur de Galicia, un significativo número de incendios forestais teñen a súa orixe en pequenas parcelas forestais, frecuentemente abandonadas ou con moi escasos coidados silvícolas. Estas parcelas, a maioría con presenza de piñeiros, non ofrecen rendibilidade algunha, proba diso é o cada vez maior descoñecemento da localización e estremeiros das parcelas polos actuais propietarios.
Este problema, que non foi aínda abordado, merecería un tratamento específico dado que non parece que os actuais modelos de sociedades de fomento forestal para a xestión conxunta do monte tiveran arraigo nestas áreas.
O abandono do monte. A mensaxe sistematicamente repetida é que o monte galego está abandonado. A cidadanía percibe soamente a cara negativa dun espazo que ocupa case que 2 millóns de hectáreas do noso territorio. Esta percepción é nada máis que unha das caras do monte, a outra cara, sempre marxinada, achega o 50 % da madeira que se produce en España, practica unha actividade silvícola de alta calidade, ofrece emprego a máis de 20 000 persoas e factura anualmente máis de 200 millóns de euros que ingresan máis de 100 000 familias galegas.
Limpar o monte. Afirmación recorrente que insiste en que a solución dos incendios forestais é “limpar” o monte e que deixa como mensaxe que os responsables do problema son os propietarios forestais pola “falta de limpeza”. Trátase dunha mensaxe errónea e moi afastada da realidade. En primeiro lugar polo propio termo, o monte non se limpa senón que se roza, ou se controla a vexetación. En termos silvícolas fálase de control estratéxico da vexetación: conxunto de operacións silvícolas destinadas a diminuír a carga de biomasa combustible e a dividir o territorio con faixas rozadas. Por outra parte, a “limpeza” do monte (entendida como eliminación da matogueira) é inviable economicamente e, ecoloxicamente, moi prexudicial se se fai dunha forma integral. Os cidadáns deben entender que o monte é un espazo naturalizado, onde a matogueira e os seus ciclos cumpren funcións moi importantes nos ecosistemas locais. Os propietarios forestais non son os responsables do problema dos incendios por ter mato no monte, senón as súas vítimas.
O aproveitamento da biomasa con fins enerxéticos. Moi frecuentemente relaciónase o aproveitamento enerxético das matogueiras coa solución dos incendios, cando a realidade é que a biomasa forestal como fonte enerxética está principalmente constituída pola fracción leñosa das árbores que non se utiliza para a transformación na industria da madeira convencional.
O emprego da biomasa forestal, céntrase na madeira delgada e defectuosa de diferentes especies, en especial a de coníferas. Trátase dunha actividade con todo o seu potencial por desenvolver que pode chegar a constituír unha moi importante fonte de rendas para os propietarios forestais galegos e polo tanto, un motivo máis para coidar o monte, baixar o esaxerado volume de biomasa e reducir o risco de incendio forestal.
Os modelos forestais a imitar. Nos medios de comunicación manéxase con frecuencia un dos tópicos máis errados, presentando como o gran paradigma e como modelos a imitar os sistemas forestais de Suecia, Finlandia ou Canadá, territorios nos que o risco de incendios forestais é mínimo por choivas de verán e sobre todo porque os solos están máis húmidos e fríos e a vexetación contén máis auga durante máis tempo coas mesmas precipitacións. Tamén é necesario considerar a ausencia de poboación nas áreas boscosas e o tipo de propiedade, a maior parte dela pública ou en mans de grandes corporacións industriais.
O modelo de referencia debe buscarse en países ou rexións similares a Galicia, como pode ser o sistema de prevención e extinción de incendios existente nos montes das Landas, na rexión de Aquitania no suroeste de Francia. Esta área presenta uns resultados óptimos nos últimos decenios e ten unhas condicións estacionais e de vexetación similares a Galicia e unha tipoloxía da propiedade similar, no que máis do 92 % da superficie forestal é privada.

