Francisco Fernández de Ana Magán reelixido presidente da AFG
A Asociación Forestal de Galicia celebrou o pasado sábado 10 de xuño a súa asemblea anual á que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes de toda Galicia. Nela foi reelixido presidente da AFG Francisco Fernández de Ana Magán.
Francisco Fernández de Ana, desempeñou o seu labor profesional como investigador no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, no que foi xefe da sección de Fitopatoloxía. Desde a súa xubilación é o responsable de I+D nunha empresa de biotectonoloxía. Detenta a presidencia da Asociación Forestal de Galicia desde decembro de 2004.
A xornada comezou coa XXXI Asemblea ordinaria da Asociación na que se aprobaron as contas do ano 2016 e o orzamento para este ano 2017.
Ao longo da mañá multiplicáronse as intervencións, en moitas delas quedou patente a preocupación pola política forestal que se está seguindo e máis concretamente pola excesiva burocratización e a multiplicación de lexislación concorrente e restritiva á actividade forestal, ademais, no colectivo dos silvicultores, percíbese unha ola de malestar e un sentir de incomprensión por parte dos poderes públicos e da sociedade, polos donos dos montes en particular e o sector forestal en xeral.
Os propietarios forestais non entenden a falta de diálogo por parte da Administración e o empeño desta por lexislar sen consultar aos lexítimos donos dos terreos sobre os que lexisla, en concreto no caso das Directrices da Paisaxe de Galicia e do Anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural, actualmente en fase de elaboración.
En calquera caso, os silvicultores e xestores de montes veciñais en man común amosaron o seu ánimo e boa disposición a seguir xestionando sostiblemente os seus montes, fonte de beneficios para o conxunto da sociedade, e loitando para que se recoñezan as externalidades do seu labor e fixeron un voto de unirse máis no empeño por defender o monte cultivado, transmitir o seu traballo e as súas múltiples achegas á sociedade galega. Formulouse a necesidade de convencer aos grupos políticos e á Administración que sen a participación e acordo dos propietarios dos montes, as políticas forestais teñen pouco marxe de éxito.
Pola tarde tivo lugar unha asemblea extraordinaria onde se elixiu a Xunta de Goberno que dirixirá a Asociación Forestal de Galicia nos vindeiros catro anos que está formada polas seguintes persoas:
Presidente: Francisco Fernández de Ana Magán
Vicepresidente de Relacións Institucionais: Antonio Rigueiro Rodríguez
Vicepresidente de Montes Particulares: Juan Ramón Gallástegui Otero
Vicepresidente de Montes Veciñais: Jesús Represas Represas, en representación da C.M.V.M.C.de Xinzo (Ponteareas)
Vogais de Montes Particulares: Manuel Lorigados Caos e José Luis Solloso Tiagonce
Vogais de Montes Veciñais: Ramón Abuín Gómez, en representación da C.M.V.M.C. de Balouta e Fontecova (Dodro) e Jesús Mosquera Puentes, en representación da C.M.V.M.C. de Barrantes (Tomiño)