ForManRisk.- Os piñeirais dunares galegos ante o reto do cambio climático
O cambio climático, que depara veráns con secas máis prolongadas e con maior estrés hídrico para as plantas, está a supoñer un reto para os montes de coníferas do suroeste europeo. Entre as zonas máis afectadas, destacan os piñeirais dunares da costa, pois o solo areoso repercute nunha menor dispoñibilidade de auga. Por iso, un proxecto europeo enfocouse a analizar a actual situación dos piñeirais dunares costeiros do sur de Europa, entre eles os galegos, así como da evolución dos montes de coníferas do interior.
O cambio climático non só agrava o estrés hídrico dos bosques durante o verán, senón que empeora outros riscos asociados, como lumes, pragas e enfermidades. Ante esta situación, unha serie de entidades do suroeste de Europa aliáronse nun consorcio no que analizar a actual situación. Trátase do proxecto ForManRisk, unha iniciativa orientada a desenvolver ferramentas para a prevención de riscos nos bosques. O proxecto, no que participa a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán, contou para a súa realización con fondos FEDER do programa Interreg Sudoe e celebrou entre o 17 e o 19 de xaneiro de 2023 un seminario que transcorreu en Lourizán, Mogadouro e Vila Real.
Resiliencia dos piñeirais costeiros de Galicia
En Galicia, os traballos centráronse en 10 bosques piloto da costa atlántica, 6 piñeirais dunares e outros 4 de interior. Se ben noutras áreas do proxecto, como Cataluña, constatouse unha alta mortandade das plantas de coníferas na rexeneración dos piñeirais en dunares, no caso galego polo de agora non se observaron eses problemas de mortandade e seca das plantas, polo que se espera que os piñeirais da costa poidan seguir mantendo unha boa rexeneración natural.
En Galicia, é de salientar ademais que os piñeirais costeiros acollen con frecuencia un alto uso social, incluso albergando áreas recreativas e cámpings. O proxecto constatou que esta actividade social é compatible coa rexeneración e mantemento dos piñeirais.
Árbores máis resistentes á seca
O papel da Asociación Forestal de Galicia no proxecto incluíu tamén a toma de mostras e medicións ‘in situ’, en colaboración co INRAE de Francia (Institut National de Recherche pour l’Agriculture, l’Alimentation et l’Environnement), que analizou piñeiros de todo o sur de Europa para comparar a súa resistencia ao estrés hídrico e atopar poboacións que poidan ser empregadas no marco dun proxecto de mellora xenética, de cara a obter montes máis resilientes ó cambio climático.
Guía transnacional de boas prácticas
Do mesmo xeito, a Asociación Forestal de Galicia colabora na edición dunha guía transnacional de boas prácticas, pois no marco do proxecto desenvolvéronse distintos ensaios para mellorar a rexeneración e supervivencia dos piñeiros, con distintos métodos de plantación e materiais.
Outros traballos realizados no proxecto
- Office National des Forêts. A ONF francesa desenvolveu un sistema de información xeográfica para obter un mapa detallado das Obrigas Legais de Desbroce a nivel municipal, cun desglose das superficies a desbrozar en cada propiedade. A diferenza do caso galego e portugués, a roza das faixas de protección existentes a redor de urbanizacións son responsabilidade da comunidade de veciños residentes na mesma e non do titular do monte afectado.
- Instituto Mediterráneo del Corcho (ILM). Puxo a punto un método para medir as afeccións do cambio climático na sobreira e noutras especies.
- Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Instalou tres parcelas piloto para estudar a rexeneración natural do piñeiro bravo (dúas parcelas) e da sobreira (1 parcela).
- Gistree. A empresa traballa na posta en marcha dun sitio web para compartir a información xeográfica producida ao longo do proxecto e para permitir tamén simulacións sinxelas de lumes, en torno ás parcelas piloto do proxecto.
- Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya (CTFC). Esta entidade centrou os seus esforzos na rexeneración dunha duna continental (200 hectáreas) que ten unha orixe humana, pois plantouse con piñeiros a finais do século XIX co obxectivo de fixar a duna. O piñeiral ten hoxe en día 130 anos e un importante uso social. Nos últimos tempos, o Pinus pinaster está a sufrir unha morte progresiva das árbores adultas, algo que se atribúe ó cambio climático, sen que haxa unha suficiente rexeneración natural. O proxecto está a valorar outras especies para esta rexeneración, como o piñeiro carrasco e o piñoneiro.
- Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA). Desenvolveu unha aplicación que contribúa a tomar decisións silvícolas para a prevención de grandes incendios forestais.
- Diputación Provincial de Ávila. Plantou catro bosques piloto de piñeiro silvestre e de aziñeiras para analizar o seu desenvolvemento nun contexto de cambio climático.