ForestED.- Taller sobre xestión forestal de montes privados en Boimorto
A Asociación Forestal de Galicia organiza, en colaboración co concello de Boimorto, un taller sobre xestión forestal en Boimorto sábado 23 de novembro de 2024. Terá lugar na Casa da Cultura e dará comezo ás 10.30 h.
Este taller enmárcase dentro das actividades do proxecto ForestED, Impulso ao potencial transformador da xestión forestal para a produción sostible de madeiras de alto valor engadido e a promoción da bioeconomía no sector da edificación.
Un dos principais obxectivos do proxecto ForestED é a obtención de novos produtos en madeira a partir de frondosas caducifolias como o castiñeiro, o bidueiro ou o carballo. A iniciativa oriéntase a xerar novos produtos para edificación, tanto estruturais como non estruturais (carpintería de interiores, exteriores, etc.), así como materiais para mobiliario urbano.
A sesión comezará cunha sesión teórica na Casa da Cultura de Boimorto ás 10.30 h, na que se abordarán os seguintes temas: a madeira de frondosas para usos innovadores na edificación, a xestión dos aproveitamentos e conservación da biodiversidade, as consideracións prácticas a ter en conta nas cortas de madeira, a certificación da xestión forestal sostible e as obrigas fiscais da venda da madeira. A actividade rematará cunha saída ao monte para ver exemplos de silvicultura de frondosas caducifolias.
A asistencia é libre e gratuíta pero requírese inscrición previa nos teléfonos 981 564 011, 618 752 214 ou no enderezo electrónico afg@asociacionforestal.org.
Este proxecto é unha iniciativa liderada polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña que conta coa participación do Consorci Forestal de Catalunya, do Centro de Ciencia y Tecnología Forestal de Cataluña e da Asociación Forestal de Galicia.
ForestED conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.