Finsa anuncia un histórico aumento de prezo para o piñeiro de calidade
O piñeiro de calidade, procedente de masas sometidas a coidados silvícolas (podas, rareos, etc.), terá un prezo diferencial a partir do 1 de xullo en Finsa, a principal industria consumidora de coníferas en Galicia. A revalorización aplicarase en exclusiva á madeira de calidade, recta, limpa, sen nós, sen resina aparente, cun diámetro mínimo de 40 centímetros en punta delgada e en lotes de polo menos 30 toneladas.
Logo de que Finsa fixera unha valoración sobre as características e posibilidades da madeira sobre a que os propietarios teñen feito tratamentos silvícolas eficientes, o conselleiro delegado de Finsa, José Carballo, trasladoulle á asemblea da Asociación Forestal de Galicia (AFG) que o prezo para esta madeira de calidade elévase a partir do 1 de xullo a 95-100 euros por tonelada (prezo da madeira posta en fábrica con casca).
Cómpre destacar que a revalorización afecta en exclusiva ás primeiras trozas das árbores sometidas a podas, pois é imprescindible que esta madeira careza de nós, de cara a ser empregada en usos industriais de maior valor engadido. Por tanto, nos piñeirais con coidados silvícolas, haberá unha primeira ou dúas primeiras trozas de cada árbore que poderán cumprir con estes requisitos, en tanto o resto da madeira venderase como ata agora, ben como madeira de serra, ben como madeira de trituración, no caso dos menores diámetros.
As novas cotizacións para a madeira de calidade anunciadas por Finsa representan para o propietario un aumento de prezo de polo menos un 50 %. É certo que ese prezo é para unha pequena parte de toda a madeira que se extrae dun piñeiral, pero terá unha gran repercusión en conxunto para o propietario, pois permitiralle incluso duplicar a taxa de interese (TIR) que obtén sobre o investimento realizado, segundo os cálculos da AFG.
A Asociación Forestal de Galicia agarda que este compromiso de Finsa sexa seguido en próximas datas por serradoiros galegos, de xeito que tamén eleven o prezo para a madeira de piñeiro de calidade, na medida en que poidan valorizar no mercado este tipo de produto ‘top’.
Incentivo para o manexo silvícola dos piñeirais
O aumento do prezo para o piñeiro de calidade incentivará o manexo silvícola dos piñeirais galegos, premiando a comunidades de montes veciñais e propietarios particulares que se están esforzando por ofrecerlle á industria galega unha madeira das máximas prestacións.
A revalorización é tamén unha boa noticia para o monte galego, no que o piñeiro foi perdendo protagonismo nos últimos anos. Desde a Asociación Forestal de Galicia lémbrase que o piñeiro, ademais da súa función produtiva, ten unha gran importancia ambiental, paisaxística e social, en particular en ecosistemas costeiros, montes periurbano e nas serras do interior galego.
A madeira, material do século XXI
O director xeral de Finsa, José Carballo, sinalou na asemblea da AFG que espera dos propietarios forestais “a produción de madeira de calidade”, en tanto que “a industria -indicou- ten a obriga de buscarlle valor no mercado a esa madeira de calidade, que non é algo fácil”, recoñeceu.
Carballo concluíu destacando que “investir na produción de madeira en Galicia vai ser un bo negocio e ademais isto non se di en galego cos intereses de Galicia. A madeira é o material do século XXI, que estará marcado pola bioeconomía, e Galicia ten a oportunidade de desempeñar un papel relevante nunha materia prima esencial para a sostibilidade do planeta”.