Ferramentas para xestionar monte abandonado. As agrupacións forestais de xestión conxunta
Xosé Covelo Míguez
Enxeñeiro de Montes. Director da Asociación Forestal de Galicia
Se en algo parece que houbo consenso entre todas as persoas que escribiron e opinaron sobre a vaga de incendios do verán de 2025, foi na necesidade imperiosa que temos de xestionar o territorio para evitar que sexa o lume quen o faga por nós.
A realidade rural galega dista moito da que temos idealizada, de cando o monte estaba perfectamente integrado na economía rural, resultando esencial para que as persoas que vivían do agro puideran subsistir. Esa época, que agora algúns autores desde unha perspectiva urbana evocan como idílica, tal vez non sería percibida como tal polas persoas que viviron a dureza das condición de subsistencia no agro galego en tempos pretéritos.
Á marxe de idealizacións, atopámonos agora cunha situación ben diferente, caracterizada a grandes trazos por:
- Un cambio na economía rural que ocasionou o abandono de amplos espazos forestais, sobre todo naquelas áreas onde a superficie media das parcelas era máis reducida, facendo inviable o seu cultivo ou rozadura seguindo os criterios modernos de xestión. Estas superficies adoitan situarse próximas aos núcleos de poboación.
- Uns asentamentos de poboación caracterizados pola súa diseminación no territorio, nun casos achegándose en exceso e, noutros, mesmo meténdose no monte.
- Un abandono progresivo dos espazos agrícolas, fomentado polo despoboamento dos núcleos rurais ou polo avellentamento da escasa poboación que permanece neses núcleos.
Ante o máis que evidente cambio na forma de vida de amplas zonas do rural galego, parece lóxico que mude tamén a forma de xestión do espazo agrario. Unha parte da poboación, agora urbana, parece buscar a solución na volta ao pasado que se evoca máis romántico do que foi. A situación é a que temos agora, non a do século XVIII, XIX ou comezos do XX. A forma de abordala ten que facerse con criterios actuais, e adaptados á realidade que temos. Non se vai rozar o toxo porque xa non se precisa para cama dunhas vacas que xa non viven nas cortes, nin van volver pacer ao monte se non é cun criterio empresarial ou de economía rural moderna.
Semella pois sensato buscar solucións adaptadas á realidade que xa temos, non á que nos gustaría que fose. Esas solucións na xestión deben adaptarse a un espazo abandonado, que procure mantelo nunhas condicións que minimicen o risco de catástrofes, e de ben ser, que o fagan cun criterio de eficiencia que permita que algúns deles se convertan en espazos de oportunidade. Xestionar o espazo desde unha perspectiva de eficiencia, inda que esta supoña renunciar ao romanticismo de que calquera tempo pasado foi mellor.
Habería varios puntos que desenvolver sobre este tema, pero neste artigo afondarase só nun: como as agrupacións forestais de xestión conxunta poden converterse nunha ferramenta de gran utilidade para ese fin, sempre que se formule axeitadamente e en consonancia coa vontade das persoas propietarias.
Enfrontámonos a novos retos sociais e climáticos e hai que facelo desde a realidade, inda que ás veces non sexa a que nos gustaría. En principio todo o mundo entende e admite os criterios empresariais nas actividades económicas, incluso dentro da artesanía. Este mesmo criterio, debería ser empregado para abordar a cuestión da xestión dos espazos rurais, o seu abandono e os riscos que supón. Aínda que unha onda de xenerosidade social e administrativa os inundase de fondos que permitisen volver á “artesanía da súa xestión”, esa onda debería perdurar no tempo, e resulta pouco probable que unha racha de xenerosidade se poida prolongar tantos anos como a actividade forestal necesita.
As agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC). Dentro dos instrumentos de mobilidade de terras dispoñibles en Galicia, as AFXC supoñen un marco bastante axeitado para a xestión en común de espazos de minifundio forestal.
Segundo a Lei de Montes de Galicia, as AFXC “son organizacións nas que se integran persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos forestais que teñen (entre outros obxectivos) promover a rendibilidade da actividade silvícola”. As AFXC poden ser de dous tipos:
- AFXC básica, que é aquela agrupación que comparte información, técnicas, experiencias, asesoramento ou representación; ou ben que comercializa os aproveitamentos forestais co obxectivo, entre outros, de lograr unha maior eficacia no desenvolvemento destas actividades.
- AFXC con base territorial, que é a que nos ocupa neste caso, que ademais de poder desenvolver algunha das actividades das básicas, “fan unha xestión conxunta no plano territorial e temporal en terreos postos a disposición por persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamentos de terreos forestais, tomando decisións no manexo e xestión tendo en conta a contorna natural, económica e social no marco dun instrumento de ordenación ou xestión forestal”, segundo indica a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
Poden solicitar o recoñecemento como agrupacións de xestión conxunta:
- Asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión agroforestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos, sempre que estean compostas por persoas titulares dos indicados dereitos dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Sociedades civís e comunidades de bens.
- Cooperativas e outras entidades de economía social.
- Sociedades agrarias de transformación.
- Sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital.
- Sociedades de fomento forestal, para o caso de agrupacións de xestión conxunta forestal.
- Calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras agroforestais.
En total, unha AFXC debería xestionar un mínimo de 10 hectáreas de superficie, que pode estar en un ou varios perímetros de xestión conxunta, que son aquelas áreas onde a AFXC pode acreditar unha disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 % da superficie das terras incluídas dentro dos límites do perímetro.
Vantaxes dunha agrupación AFXC de base territorial. O principal obxectivo dunha AFXC de base territorial é acadar a xestión dunha superficie de terreo, en moitos casos abandonado, que sería inviable xestionar de xeito individualizado dende unha perspectiva técnica ou económica, podendo así converter unha ameaza nunha oportunidade.
As persoas titulares de terreos que non estean de acordo en participar na xestión conxunta das terras incluídas dentro dun perímetro de xestión conxunta desenvolto por unha AFXC quedan obrigadas a xestionar esas parcelas ao mesmo nivel de xestión cás da AFXC. Non tería sentido que, se unha parte significativa das persoas propietarias ou xestoras dos montes dunha determinada zona se poñen de acordo en desenvolver a xestión de forma conxunta, as que non quixesen participar tivesen os seus montes abandonados, prexudicando a xestión que fan as máis activas, é por iso que a normativa contempla que os montes que estean dentro dun perímetro de xestión conxunta sen ser realmente xestionados polos seus propietarios, poidan ser declarados “en estado de abandono”.
Vontade da propiedade. Para que que se poida crear unha AFXC é fundamental que, as persoas propietarias da superficie onde se pretende desenvolver a iniciativa, estean convencidas das bondades de ceder a xestión dos seus montes a esa AFXC xa que, se o proceso de agrupación supón ter que estar a convencer a persoas reticentes á iniciativa, o proceso vai desgastar aos seus promotores antes incluso de que empece o obxectivo principal (a xestión dun espazo que antes carecía dela).
A creación dunha agrupación forestal de xestión conxunta precisa pois de grandes doses de xenerosidade e confianza, sobre todo das persoas propietarias dos montes a agrupar, pero en xeral da sociedade vencellada ao espazo agrario abandonado ou en fase de abandono. No proceso de agrupación hai que ter a valentía de salvar posturas individualistas e inmobilistas e avanzar cara o ben colectivo que, no fondo, nos beneficiará individualmente, ao igual que ocorre cos procesos de concentración parcelaria.
As persoas propietarias dos terreos onde se queira poñer en marcha unha agrupación, a non ser que a proposta parta de premisas pouco claras, deberían ser as primeiras interesadas en participar nunha iniciativa que se promove precisamente para que poidan beneficiarse dela, inda que o beneficio non sexa económico. O mero feito de que xurda algunha iniciativa de resposta ao abandono debería contar, cando menos, coa consideración da proposta por parte da propiedade afectada.
Boa disposición da Administración. O apoio e as facilidades da Administración á constitución destas figuras de xestión conxunta é tamén fundamental para o seu éxito. Coas dificultades que entraña a posta de acordo dun grupo de persoas para a xestión común de propiedades agrarias, se non se conta co apoio, a comprensión e o impulso dunha Administración proactiva e colaboradora, as probabilidades de éxito redúcense.
A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal impulsou a figura e mostra unha vontade decidida en apoiar as AFXC que se cheguen a crear. Para iso, xa se pecharon dúas convocatorias de axudas para financiar a súa posta en marcha, e está en proceso unha terceira.
Por outro lado, é preciso que o Catastro se implique tamén aproveitando a oportunidade para recoñecer e corrixir o parcelario catastral dos perímetros das agrupacións de xestión conxunta, a partir dos estudos de propiedade que hai que facer para a súa creación.
Vantaxes fiscais das AFXC. A maiores das bondades referidas, as AFXC de tipo mercantil (SOFOR) contan cunha dedución do 10 % no Imposto sobre Sociedades de todos os gastos realizados no exercicio para a mellora, protección e acceso ao monte.
No caso das AFXC que sexan asociacións sen ánimo de lucro, poden solicitar a declaración de “utilidade pública”, que tamén podería reportarlle beneficios fiscais.
Por último, as persoas que queiran participar no capital dunha AFXC teñen unha serie de vantaxes que poden ser atractivas (aínda que non é requisito que a persoa propietaria participe como socia para que a AFXC xestione os seus montes):
- As achegas de capital, sempre que se manteñan un mínimo de 5 anos, contan cunha dedución do 20 % na parte autonómica do IRPF da persoa física.
- Os préstamos realizados ás AFXC, sempre que non se amortice o capital en máis dun 20 % cada ano, tamén contan cunha dedución do 20 % na parte autonómica do IRPF da persoa física.
É importante ter en conta con respecto á participación dunha persoa propietaria no capital dunha AFXC que a normativa que regula as AFXC non establece como requisito que a persoa teña que participar como socia na AFXC para que esta xestione o seu monte, podería ser suficiente coa subscrición dun contrato de cesión da xestión entre as partes.
A experiencia da AFG. Despois dun traballo intenso nos últimos meses axudando á creación de varias agrupacións forestais de xestión conxunta, as principais dificultades que nos atopamos á hora de poñer unha AFXC en marcha foron as seguintes:
- Dificultade para localizar ás persoas axeitadas que sirvan de líderes locais con dinamismo abondo para mobilizar á propiedade da zona.
- Desconfianza no proxecto proposto por descoñecemento e falta de costume en traballo agrupado, non visualizar a necesidade de xestionar profesionalmente os montes e medo a perder a propiedade ou a non ter a posibilidade de acceder a ela ou mesmo a non poder coller leñas para uso doméstico.
- Dificultade para localizar a persoas propietarias ausentes ou descoñecidas.
- Dificultade para identificar a propiedade da terra en casos de herdanzas con descendentes de varias xeracións.
- Dificultade inicial para identificar as parcelas no terreo sen ter realizado traballos de roza ou que favorezan o acceso ás parcelas para a súa identificación e localización polas persoas propietarias ou descendentes.
- Documentación de propiedade moi deficiente en numerosos casos: cotas antigas non relacionadas co Catastro actual, herdanzas non aceptadas en varias xeracións, inscricións catastrais a nome de antecesores e non actualizadas ou a nome de titulares erróneos, parcelas en proindiviso de varias persoas pero recoñecidas por unha soa das persoas herdeiras…
En definitiva, as dificultades derivan fundamentalmente do caos no que se atopa a propiedade, tanto desde o punto de vista xurídico como físico e da preguiza das persoas interesadas en meterse nun proceso que ven moi dificultoso e que non acaban de valorar como o medio axeitado para poñer orde nunha situación caótica. Pero agora é o momento e a oportunidade, ou os aproveitamos, ou agravarase inda máis o abandono incrementando o risco de incendios e de perda da propiedade por deixamento.

