A Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará o seu monográfico forestal GALIFOREST ABANCA do 8 ao 10 de xullo deste ano.
De novo terá lugar no monte do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, situado en Boqueixón, moi próximo a Santiago de Compostela. O seu horario será de 10.00h a 20.00h.
Esta sexta edición ofrecerá unha proposta insuperable. Integrará a toda a cadea monte-industria, creando un gran escaparate no que estarán presentes as empresas e entidades máis relevantes do mundo forestal mostrando as últimas novidades. Sumarase un programa con xornadas de primeiro nivel, actividades para futuros profesionais, o seu recoñecido Concurso de Innovación e numerosas demostracións de maquinaria.
Esta fórmula converterá a GALIFOREST ABANCA 2021 nun gran punto de encontro sectorial, e no mellor espazo posible, xa que se celebrará coma sempre nun lugar real de traballo con excelentes infraestruturas. O monte no que se desenvolverá destaca polo seu fácil acceso dende a autopista AP-53 tanto para grandes máquinas como para visitantes, entradas asfaltadas, parkings, masas forestais para as demostracións e excelentes comunicacións tanto coa capital galega como co resto da Península.
Ademais, trátase dun inmenso espazo exterior no que tanto expositores como visitantes poden sentirse cómodos, ao aire libre e con gran amplitude para manter distancias.
GALIFOREST ABANCA 2021 estará apoiada pola súa magnífica evolución e as excelentes cifras da súa última cita. Contou con 254 firmas expositoras (un 40 % máis) das cales 76 foron expositores directos (un 33 % máis). As empresas internacionais presentes foron o triplo que na anterior convocatoria, o que permitiu que o Ministerio de Industria lle concedera á feira a internacionalidade a efectos aduaneiros.
A superficie neta foi de 11.835 metros cadrados, superando nun 23 % a da última edición, mentres que a bruta foi de 35.200 metros cadrados. Rexistrou 5.612 visitantes profesionais de distintos puntos de España e tamén doutros países, especialmente Portugal.
Máis información en www.galiforest.com