Recoñecemento e avaliación
Ante a magnitude da catástrofe ocorrida nos últimos días, a Asociación Forestal de Galicia (AFG) quere trasladar o seu pésame aos familiares e amigos dos falecidos nos recentes lumes. Tamén manifesta o seu apoio aos miles de propietarios forestais e comuneiros afectados polos múltiples incendios forestais sucedidos en Galicia, que viron indefensos como o froito do seu traballo e do seu esforzo inversor desaparecen pasto do lume.
A AFG quere facer chegar o seu agradecemento a todas as persoas que nos axudaron a defender os montes e que participaron nos traballos de extinción e contribuíron a frear os lumes e, especialmente, a todos os traballadores e técnicos do Servizo de Defensa contra Incendios Forestais e a todos os equipos de extinción polo seu traballo e os seus esforzos continuados por parar o lume.
Ante a dimensión do problema, os propietarios forestais e as comunidades de montes denuncian a indefensión na que se atopan as propiedades rurais e demandan unha actuación rigorosa das forzas da orde pública e da xustiza para investigar e castigar aos autores destes delitos. Ao mesmo tempo, queremos reaccionar con firmeza e iniciar un programa conxunto da restauración das áreas forestais queimadas. É o momento de traballar de forma artellada buscando o apoio das administracións públicas sen que unha vez máis caia todo o peso da restauración dos montes queimados sobre os propietarios forestais.
Coidamos tamén que unha vez solucionados os problemas máis perentorios, urxe sentarse para levar á práctica medidas efectivas que rebaixen o risco de danos ás persoas e aos bens patrimoniais dos galegos.
A catástrofe afectou especialmente aos montes veciñais da provincia de Pontevedra, botando por terra os investimentos e ilusións de comuneiros e xuntas reitoras que durante os últimos 30 anos fixeron un gran esforzo de capitalización e de planificación destes montes.
O vindeiro venres 20 de outubro ás 19.30 h no salón de actos do Centro Cultural de Xinzo en Ponteareas, celebrarase unha reunión na que participarán propietarios de montes particulares e comunidades de montes afectados polos lumes para recoller un primeiro balance da superficie queimada e dos danos nas infraestruturas e iniciar un programa conxunto de restauración das áreas forestais.
A Asociación Forestal de Galicia estima que deben habilitarse medidas efectivas de financiamento público para acometer a enorme tarefa de restauración que é necesario iniciar canto antes.