Catro medidas esenciais para aumentar a resiliencia dos bosques fronte ó cambio climático
A Unión de Silvicultores do Sur de Europa, da que forma parte a Asociación Forestal de Galicia, vén de celebrar en Bordeus unha conferencia internacional na que se consensuou a estratexia a seguir para enfrontar o impacto do cambio climático nos bosques. Os fenómenos climáticos extremos que se suceden con maior frecuencia nos últimos anos (secas, vendavais, treboadas eléctricas secas, etc.) estanse a deixar sentir nas masas forestais, que experimentan maiores pragas e enfermidades, así como cíclicas vagas de lumes.
Ante esta situación, os propietarios forestais constatan dúas realidades que cómpre ter en conta.
En primeiro lugar, o aumento da demanda de madeira como materia prima clave para a descarbonización da economía. O Arco Atlántico Europeo, desde Aquitania (Francia) ata Portugal, presenta multitude de especies forestais con interese para a cadea monte–industria, tales como as coníferas (piñeiro do país, piñeiro insigne, piñeiro silvestre, etc.), o eucalipto, o castiñeiro, a faia, o chopo ou a sobreira, que conforman tanto bosques comerciais cultivados como bosques naturais.
En segundo lugar, os propietarios forestais advirten de que o cambio climático está a agravar os danos sobre as masas forestais (patoloxías, lumes), un escenario que obriga a unha xestión forestal sustentable do monte, a fin de evitar o seu abandono.
Cunha xestión forestal sustentable, os propietarios poderán reducir a carga de combustible do monte (por medio de rozas, podas, rareos, cortas, etc.) e extraer pés afectados por patoloxías que poidan perturbar o resto da masa.
Desde a perspectiva dos silvicultores do sur de Europa, a xestión forestal sustentable constitúe a mellor estratexia preventiva e paliativa para manter a saúde de bosques naturais e bosques comerciais cultivados. En paralelo, hai coincidencia na necesidade de actualizar os sistemas de extinción con suficientes medios aéreos, que permitan unha resposta rápida para controlar os lumes nos seus inicios.
Sobre esta base de reflexión conxunta que se formulou na conferencia internacional, os gobernos rexionais de Aquitania (Francia), País Vasco, Navarra, Galicia e Norte de Portugal, participantes asinaron unha declaración conxunta (Declaración de Bordeus), na que se comprometen nunha estratexia forestal baseada en catro puntos:
- A xestión forestal sustentable debe ocupar un lugar central nas estratexias políticas rexionais, nacionais e europeas, pois é unha ferramenta clave para garantir a resiliencia dos bosques fronte ós efectos do cambio climático.
- As agrupacións de propietarios forestais constitúen unha vía fundamental para potenciar o relevo xeneracional no monte e para evitar o abandono dos bosques. Permiten ademais superar os problemas de minifundio e representan un apoio para a xestión forestal dos propietarios.
- É preciso fortalecer a cooperación público–privada para aumentar a resiliencia das masas forestais fronte a enfermidades, pragas e fenómenos meteorolóxicos extremos. Para iso, un dos piares pasa pola obtención de planta forestal con mellora xenética.
- Cómpre definir incentivos fiscais e apoios públicos para os propietarios forestais, de acordo coas súas necesidades e coas esixencias da sociedade en cada contexto.