Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais
Unha oportunidade para a solución realista da seguridade cidadá?
O rural galego presenta unha vulnerabilidade crecente ante os incendios forestais por factores como a perda de poboación en amplas zonas do interior, o avellentamento e a redución da actividade agrogandeira. En definitiva, hai unha menor actividade sobre o territorio, o que leva a que se perda a protección natural que proporcionaban prados e terras de labor arredor dos máis de 30.000 núcleos de poboación que ten Galicia. Ante este escenario, a Asociación Forestal de Galicia avoga por declarar de utilidade pública a intervención nas faixas de seguranza, como medida de protección civil fronte aos incendios forestais.
A AFG entende que a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia é a ocasión para buscar unha solución realista de seguridade cidadá ante os lumes, que están a agravar os seus riscos polo cambio climático. Esa solución pasa por que a Administración asuma a responsabilidade do mantemento das faixas de seguranza arredor de núcleos de poboación e vías de comunicación.
Situación lexislativa
En lugar diso, a actual Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia y el anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais manteñen un enfoque errado, pois cargan co custo do mantemento das faixas a comunidades de montes e propietarios forestais particulares, aos que se lles pide que financien do seu peto medidas de protección civil para garantir a seguridade colectiva. Esta desatención pública da seguridade cidadá é o aspecto da futura Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia que máis preocupa aos propietarios forestais e comunidades de montes veciñais.
O anteproxecto da Lei afonda ademais na montaxe dun sistema punitivo orientado a culpabilizar a propietarios forestais e comunidades de montes, pois prevense multas coercitivas, multas punitivas, execución subsidiaria de traballos de prevención, repercusión de gastos de extinción en terreos afectados polo lume con carga de biomasa e mesmo expropiacións, no caso de que o valor dos traballos executados supere os da propiedade.
Sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias
O sistema público de xestión de biomasa en vigor dende 2018 vén regulado na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Engloba á Consellería de Medio Rural, á FEGAMP e á empresa pública SEAGA como órgano instrumental para a execución dos traballos de mantemento nas faixas. Actualmente agrupa 273 dos 315 concellos de Galicia e conta cun orzamento anual de 12.250.000 euros.
As intervencións que contempla este convenio para os concellos adheridos son de dous tipos:
- Execucións subsidiarias en parcelas de descoñecidos e propietarios que non cumpren en prazo e forma as súas obrigas de xestión. Hai un tope de 10 ha por concello, polo que esta parte do convenio interviría en 2.730 ha.
- Execucións a través de convenio con persoas propietarias para a execución dos traballos de mantemento, unicamente nas 154 parroquias clasificadas como prioritarias, e que suman 10.287 ha totais, das que 1.378 ha (13 % do total) os seus propietarios subscribiron convenio a través dos concellos, para a roza das súas faixas, a un custo bonificado para as persoas propietarias de 350 euros/ha.
Na actualidade, por tanto, só se lle está a dar unha solución de xestión pública ás faixas de 154 parroquias declaradas de alta prioridade polo risco de incendio. Nestas parroquias, os propietarios poden acceder a unha roza dos seus terreos a un prezo bonificado de 350 euros/hectárea, que se pode estimar, como media, que representa un 25-30 % do prezo real dos traballos.
Esta situación representa unha grave discriminación en relación ao resto de propietarios de Galicia, polo que cómpre que a Xunta busque unha solución de xestión pública para o conxunto de faixas de seguranza.
Falta de realismo para cumprir as obrigas legais
A AFG considera que todas estas esixencias lexislativas e ameazas de sancións pecan de falta de realismo. Isto afecta tanto á imposibilidade de execución por parte dos propietarios forestais, especialmente nas áreas de elevado minifundismo, como á propia Administración nas máis de 295.000 hectáreas de monte que xestiona en virtude de convenios ou consorcios con comunidades de montes e propietarios. De manterse esta liña lexislativa, a propia Xunta de Galicia estaría incumprindo a lei nas superficies forestais de xestión pública, ante calquera falla no cumprimento das disposicións preventivas de lumes. Dáse ademais a circunstancia de que a lexislación favorece a desorde urbanística, pois responsabiliza aos propietarios forestais da defensa de vivendas e construcións sen licenza que invaden zonas forestais ou o seu perímetro. Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia empraza á Administración a buscar solucións prácticas de consenso co conxunto do sector forestal.
Visor de faixas de seguranza
A Xunta de Galicia puxo esta primavera a disposición pública un visor de faixas de protección contra incendios forestais, ao que se pode acceder desde este enlace.
Galicia ten arredor de 85.000 hectáreas en zona de interface urbana – forestal, as chamadas faixas secundarias de biomasa, sen ter en conta as faixas primarias e terciarias arredor de vías de comunicación e de camiños e pistas forestais.
No caso das faixas secundarias, pódese estimar que arredor dun 30 % delas precisa de rozas periódicas, en tanto o resto da superficie estase a manter despexada pola actividade agraria e gandeira. O custo da roza dese 30 % de faixas secundarias que o requiren pódese estimar nuns 32 millóns de euros anuais. Debe terse en conta que boa parte destas faixas que precisan de roza correspóndense con parcelas minifundistas, con escasa superficie e con frecuencia faltas de xestión por ese mesmo minifundismo.