A Comunidade de Montes de Zamáns aposta pola descarbonización
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Zamáns sufriu grandes perdas no seu patrimonio natural cos incendios de outubro de 2017, cando 102 hectáreas do seu monte veciñal foron afectadas polo lume. Dende aquel momento, a Comunidade formulouse a restauración das áreas afectadas, tratando de acadar a implicación tanto da Administración e de entidades privadas, tendo en conta o carácter protector do seu monte e o fin social dunha ampla superficie do mesmo. Estas achegas, xunto cos recursos propios aportados polas Comunidade, permitiu levar a cabo a restauración de 53,30 ha, nas que se instalou tanto pino campestre, como castiñeiro y bidueiro.
A actuación realizada consistiu na plantación de máis de 60.000 árbores, o que se traduciu nunha importante carga de traballo, tanto en persoal propio como doutras empresas, de forma que se potenciou a fixación de emprego, de suma importancia tendo en conta a delicada situación de pandemia na que nos atopamos polo COVID-19.
Contando co apoio e coordinación da Asociación Forestal de Galicia, que pretende engranar esta restauración con outras que se están a levar noutras áreas das catro provincias galegas, a comunidade procedeu a inscribir o proxecto no rexistro de absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. Este paso permitiralle obter recursos adicionais no futuro, que se destinarán de xeito íntegro á restauración da superficie queimada, o que permitirá completar os traballos silvícolas necesarios para que as masas instaladas se consoliden e se manteñan durante toda a permanencia á que se comprometeu a Comunidade no Rexistro (50 anos). Unha vez chegado ao final dese período, as masas instaladas terán absorbido preto de 30.000 toneladas de CO2, contribuíndo de xeito directo á loita contra o cambio climático.