Ensaios de resistencia do piñeiro do país á seca
A Asociación forestal de Galicia ven de participar xunto con tres investigadores do Instituto Nacional de Investigación para a Agricultura, a Alimentación e o Medio Ambiente de Francia (INRAE) na recollida de mostras de piñeiro do país (Pinus pinaster) para medir a súa resistencia á seca.
Este estudio enmárcase dentro do proxecto FORMANRISK (Xestión forestal e riscos naturais) dentro do marco do programa INTERREG SUDOE da Unión Europea no que participa a Asociación Forestal de Galicia xunto co INRAE, o Instituto Mediterráneo da Cortiza, a Sociedade Aragonesa de Xestión Agroambiental (SARGA), o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Cataluña (CTFC), a Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro (UTAD), a Deputación Provincial de Ávila e a empresa GISTREE, liderados pola Office National des Forêts (ONF).
Entre o 20 e o 23 de xullo, tres investigadores do INRAE e dúas persoas da Asociación Forestal de Galicia recolleron mostras nos montes veciñais de Santa María de Oín (Rois), San Vicente do Mar (O Grove) e Cabeiras (Arbo) para medir a súa resistencia á seca. As medicións foron feitas ás 6 da mañá e ás 3 da tarde, no momento de máxima temperatura e da mínima.
Por medio do equipo Cavitron, as agullas ou acículas do piñeiro elixido para a proba, sométense a unha forte depresión simulando o que sería unha seca moi intensa ata que rompe a columna de auga que circula polos vasos do tecido vexetal entrando en colapso o fluxo da seiva. Cando pasa isto chega a morte á árbore dado que as raíces xa non poden achegar máis auga ás follas cando estas a perden por evaporación. Con estas medicións rexístrase para cada árbore escollida a depresión máxima á que unha folla non pode aguantar, cando se rompe a capilaridade e aparecen burbullas de aire nos tecidos vasculares, no chamado proceso de cavitación ou embolia.
Durante este mes de xullo esta expedición está percorrendo o Suroeste de Europa cun laboratorio itinerante nunha furgoneta e coa axuda dos técnicos locais dos socios do proxecto estanse estudando se as diferentes procedencias do piñeiro amosan comportamentos distintos de resistencia fronte á seca. O obxectivo e poder escoller cales son as procedencias mellor preparadas para as temibles secas que se prevén no futuro como consecuencia do cambio climático.