Encontro de recoñecemento a Francisco Dans
O pasado sábado 28 de xuño celebramos unha emotiva xornada no Centro de Interpretación do Pico Sacro (Boqueixón) para homenaxear con motivo da súa xubilación a Francisco Dans del Valle, socio fundador e director da Asociación Forestal de Galicia durante 39 anos.
Máis de 70 persoas -entre socios, traballadores, familiares e amizades- acompañáronnos neste emotivo encontro. Despois do xantar houbo unhas palabras de loubanza, de Xosé Covelo (director da AFG), Manuel Garea (propietario forestal), José Pérez Vilariño (socio fundador), Carlos Duarte (presidente de Forestis), José Luis Chan (director xeral de Planificación e Ordenación Forestal) e Antonio Rigueiro (presidente da AFG). Tamén se leu unha mensaxe do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, da man de Juan Ramón Gallástegui.
A pesar da calor, foi unha xornada inesquecible, chea de afecto e orgullo por unha traxectoria exemplar ao servizo do monte galego.
Francisco Dans del Valle, enxeñeiro de Montes, foi o impulsor e director da Asociación Forestal de Galicia desde a súa constitución no ano 1986. Durante estes 38 anos pódese dicir que participou na gran maioría dos foros e comités do sector forestal galego e español, e en non poucos de ámbito internacional defendendo as posturas e intereses da propiedade forestal privada. Durante unha parte da súa traxectoria combinou a súa tarefa de director da AFG coa de profesor asociado de Proxectos na Escola Politécnica Superior da Universidade en Santiago de Compostela, e nos últimos anos vén exercendo tamén o cargo de vicepresidente da Fundación Arume e de vicepresidente de Relacións Institucionais da AFG. Como director da AFG conviviu con catro presidentes diferentes, cos que sempre mantivo moi boa sintonía.