Encontro científico-técnico sobre montes de piñeiro pinaster
O 19 e 20 de marzo celebrarase o Encontro científico-técnico sobre montes de piñeiro pinaster. Un foro de debate entre científicos e profesionais da xestión forestal co obxectivo de contribuír á mellora destes montes en Galicia e Portugal.
Un grupo de trinta e seis expertos, científicos e profesionais da xestión forestal, analizarán conxuntamente durante dúas xornadas os temas máis relevantes que afectan a silvicultura e xestión dos montes de piñeiro pinaster.
Os montes de piñeiro do país (Pinus pinaster) en Galicia e en Portugal están sufrindo un grave retraemento derivado do impacto de incendios forestais e da incidencia de patoloxías, problemas que comprometen a viabilidade destes montes e a dispoñibilidade de recurso por parte da industria da madeira en ambos países. Ante esta situación, parece necesario establecer estratexias silvícolas comúns que permitan mellorar o manexo dos montes de pinaster e iniciar un proceso eficiente de restauración en Galicia e Portugal.
Este encontro está organizado pola Asociación Forestal de Galicia, a Asociación Sectorial Forestal Galega, a Associação Florestal de Portugal, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, a Fundación Arume e a Unión de Silvicultores do Sur de Europa.
Os relatorios e debates que se desenvolvan durante o encontro serán transmitidos en aberto mediante videoconferencia. Para seguilos, as persoas interesadas poden inscribirse a través deste formulario.