A restauración forestal da CMVMC de Bermés (Lalín) contribúe a compensar a pegada de carbono de Inasus
A empresa lalinense Inasus, unha firma de referencia a nivel internacional no deseño, enxeñaría e montaxe de fachadas, está a impulsar a compensación voluntaria da súa pegada de carbono a través dun proxecto de restauración forestal. En concreto, Inasus adquiriu unha parte das toneladas equivalentes de CO2 que está a captar da atmosfera un proxecto de restauración ambiental promovido pola Comunidade de Montes Veciñais de Bermés, no monte Carrio (Lalín).
A Comunidade de Montes Veciñais de Bermés iniciou no 2014 a forestación dunha zona que estivera desarborada cando menos desde o ano 1989, o que lle permitiu a posterior inscrición do proxecto no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica.
A restauración ambiental iniciouse coa plantación dunha masa de 20,7 hectáreas de piñeiro do país (Pinus pinaster), á que se sumaron nos últimos anos 7,4 hectáreas de castiñeiro e 2,4 hectáreas doutras frondosas caducifolias (carballos e bidueiros). O compromiso da comunidade de montes é que ese arborado permaneza en pé un mínimo de 40 anos, periodo no que captará arredor de 7 500 toneladas de CO2 equivalente da atmosfera.
Unha parte das toneladas de CO2 equivalente que está previsto captar, arredor de 1 300, xa quedaron dispoñibles para a súa comercialización, o que permitiu pechar un contrato de colaboración entre Inasus e a comunidade de montes.
Neutralidade en carbono en Inasus no 2025
A empresa Inasus está acometendo de xeito voluntario un plan de redución e compensación da súa pegada de carbono, co obxectivo de ser neutra en emisións de carbono no ano 2025. Para compensar a súa pegada de carbono, Inasus estaba interesada en apoiar proxectos ambientais na comarca do Deza, o que propiciou unha colaboración plurianual a tres anos (2022 – 2025) coa Comunidade de Montes Veciñais de Bermés (Lalín).
Os fondos que Inasus lle achegará á Comunidade de Montes de Bermés permitirán apoiar os traballos de mantemento das masas forestais, nas que xa se teñen feito traballos de reposición de fallos e rozas. Nos próximos anos está previsto que se acometan tamén podas e rareos, de acordo coa plan forestal do monte veciñal aprobado pola Administración.
Deste xeito, avánzase no obxectivo de que esas masas forestais cheguen a adultas, contribuíndo así á restauración ambiental dunha zona degradada.
Colaboración da Asociación Forestal de Galicia
O proxecto de restauración promovido pola Comunidade de Montes Veciñais de Bermés contou co apoio técnico e coordinación da Asociación Forestal de Galicia (AFG).
A iniciativa está incluída dentro do programa Galicia Rexenera, impulsado pola AFG. O obxectivo de Galicia Rexenera é a captación de financiamento daquelas empresas que estean interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de CO2. Con eses fondos preténdese acelerar o proceso de recuperación dos montes que fosen afectados polos incendios forestais nos últimos anos, así como promover a reforestación daquelas superficies que se atopan rasas dende antes de 1990.