As organizacións do sector forestal queren que o Plan Forestal de Galicia se debata no Parlamento
As asociacións da cadea de valor da madeira insisten, desde hai anos, na necesidade de que o novo Plan Forestal de Galicia se debata no Parlamento de Galicia antes de aprobarse, co obxectivo de conseguir un consenso político que reflicte o xa obtido con moito traballo no seo do sector e lle dea estabilidade, tal e como ocorreu co anterior Plan, posto que se trata dun documento a 20 anos no que o futuro do medio rural está en xogo. Neste sentido, desde que se iniciou o proceso público de definición de directrices do Plan Forestal impulsado pola Consellería do Medio Rural, o sector da madeira galega traballou activa e intensamente durante máis de cinco anos, cedendo nalgunhas das súas reivindicacións e aportando os seus puntos de vista, co obxectivo posto no desenvolvemento e beneficio do medio rural, polo que se considera xusto e necesario que os políticos fagan o mesmo en prol do desenvolvemento do mundo rural, sen o que non pode haber actividade forestal.
Desde a cadea de valor da madeira mantivéronse durante estes anos, encontros de traballo con todos os axentes implicados a fin de conseguir o ansiado consenso. Desde os estamentos científicos, ata os grupos ecoloxistas, partidos de todo espectro político e todos os sectores sociais implicados no medio rural, chegaron a puntos de encontro comúns. Traballouse deixando a un lado formulacións particulares, cedendo para chegar ao consenso, co firme convencemento de que é máis forte o que nos une ca o que nos separa; aquí está en xogo o medio rural de Galicia. Os silvicultores, a industria e todos os colectivos antes citados, traballaron conxuntamente, de forma colaborativa, co único afán de lograr un documento que axude a mellorar o medio rural.
Dentro do sector forestal, existe un alto sentido de responsabilidade en conseguir que se aprobe, nun breve prazo, o Plan Forestal de Galicia, debido á inminente programación dos Fondos Europeos que se canalizarán a través do Plan de Desenvolvemento Rural; é clave aliñar os obxectivos do Plan Forestal dentro do período de programación europeo. O Plan é fundamental para acceder aos fondos europeos que se mobilizarán nos próximos anos. Para que o medio rural conte con estes investimentos, é fundamental que o documento saia adiante. Non existe en Galicia un documento máis traballado, dialogado e consensuado previamente á súa entrada no Parlamento ca o novo Plan Forestal.
O Plan Forestal debe ser un documento sólido, que reflicta o traballo de colaboración de todos este anos. Un documento a longo prazo que achegue seguridade xurídica pensando no futuro de Galicia, de todos os galegos e dos seus montes. Un documento que garanta a supervivencia e desenvolvemento do medio rural.