A CMVMC de Paraños. Un exemplo de valorización do patrimonio etnográfico
As comunidades de montes son a miúdo un elemento dinamizador do rural galego, sendo o catalizador de diferentes iniciativas que melloran a vida dos veciños das parroquias nas que se encadran estes montes.
Con frecuencia os montes veciñais achegan os recursos para a construción de locais socioculturais que permiten aos veciños reunirse e organizar diferentes actividades, nas que as comunidades adoitan participar ademais de colaborar na organización e financiación das mesmas. Son tamén creadoras de emprego e actividade económica na súa contorna mediante a xestión dos seus propios recursos.
Dentro das diferentes casuísticas e formas de xestión destes montes, existe un crecente número deles nos que se aposta por un modelo de produción multifuncional que busca compatibilizar as funcións económica, ambiental e social.
Un exemplo deste modelo de xestión do monte veciñal é a CMVMC de Paraños, no concello de Covelo, que desenvolveu varias iniciativas de valorización do patrimonio natural e etnográfico da parroquia. Entre elas está a creación da “Ruta do Xabriña”, roteiro homologado de 17 km que transcorre polas parroquias de Paraños, Prado da Canda e A Lamosa, sendo o principal protagonista o río Xabriña e os seus afluentes. Ao longo deste roteiro atópanse representadas diferentes formacións vexetais e varios elementos do patrimonio etnográfico coma pontes, petos de ánimas e muíños. Entre os puntos de interese do roteiro está a visita da arquitectura relacionada coa profesión dos cereiros, oficio con longa tradición no concello de Covelo e desaparecido nestas parroquias a mediados do século XX.
Con motivo do grande número de elementos relacionados coa cerería que se poden atopar ao longo do roteiro, a CMVMC de Paraños promoveu a posta en valor dos mesmos mediante a creación do “Centro de Interpretación da Ceraría e outros Oficios”. Ao mesmo tempo encargouse un estudo que recolle todo os aspectos relacionados coa actividade apícola tradicional e a ceraría, salientando a estreita relación entre ambos oficios e destacando a súa singularidade e alto grao de especialización. No “Favum, o lugar da cera”, unha das edificacións recuperadas, os visitantes poderán ollar todo o relacionado co oficio, dende o limiar ata os diferentes procesos da cera: a obtención da materia prima, a elaboración da cera amarela no lagar, o branqueo, a fabricación de candeas e exvotos, a comercialización, etc. Outras das edificacións recuperadas son o “lagar”, onde se atopa a prensa empregada para a extracción da cera dos favos das abellas, e os curadoiros, espazos ao aire libre cubertos con lousas de pedra onde se branqueaba a cera ao sol.