A AFG moderniza o seu instrumental grazas á Deputación Provincial da Coruña
A Deputación Provincial da Coruña financiou este ano a renovación do instrumental técnico da Asociación Forestal de Galicia, a través do seu Programa de subvencións dirixido ás entidades asociativas agrarias, labregas, gandeiras, forestais e asociacións de cazadores da provincia da Coruña para a realización de investimentos durante o ano 2025.
Un dron, un vertex e unha forcípula dixital van facilitar e axilizar o traballo do persoal da oficina da AFG en Santiago grazas á axuda da entidade provincial que un ano máis apoia o noso labor axudando á modernización e dixitalización da asociación.
Asemade a Deputación, amosando unha vez máis o seu compromiso coa xestión forestal, aprobou axudas para o financiamento de traballos de silvicultura e prevención de incendios forestais a numerosas comunidades de montes veciñais en man común asociadas á Asociación Forestal de Galicia, moitas delas sen posibilidade de acceder a outras subvencións de natureza semellante convocadas pola Consellería do Medio Rural.
Desde aquí manifestamos o noso agradecemento á Deputación Provincial polo seu apoio ao sector forestal.

