COSE advirte que eliminar as axudas á biomasa primaria aumentará o risco de incendios forestais en España
A Confederación de Organizacións de Silvicultores de España, COSE, celebrou os pasados días 6 e 7 de xuño en Castellar de la Frontera (Cádiz) a súa asemblea anual, na que se reuniron representantes das diferentes comunidades autónomas para falar dos temas forestais máis estratéxicos para o sector. Unha das principais cuestións abordadas foi advertir ás Administracións implicadas e aos seus responsables políticos dos graves riscos que pode ter a eliminación de axudas europeas á biomasa primaria, aqueles residuos que resultan dos labores de xestión e mantemento dos montes. A organización nacional representa a máis de tres millóns e medio de propietarios de montes privados do país, o que supón unha superficie forestal duns 20,1 millóns de ha (73 % do total nacional), que sosteñen a maior parte da actividade forestal e da xeración de recursos estratéxicos para a sociedade e para a industria do sector.
A Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea propuxo unha importante revisión dos criterios de sostibilidade da bioenerxía. Unha das medidas que se pretende aprobar o 15 de xullo será a de restrinxir o uso da biomasa forestal primaria -é dicir, os restos da silvicultura- para os obxectivos de enerxía renovable. Segundo a Dirección xeral, a biomasa primaria non se contabilizaría para o obxectivo de enerxía renovable, e tampouco recibiría ningunha axuda financeira.
Dado que en España a bioenerxía de biomasa (madeira) se basea en grande medida nos restos das prácticas de xestión forestal (por exemplo, as claras), a preocupación dos silvicultores é evidente, pois se a biomasa se deixa fóra do obxectivo de enerxía renovable, reduciríanse os incentivos para a xestión forestal activa. E sen xestión forestal activa, incrementaríase de maneira alarmante o risco de grandes incendios forestais.
Ademais, frearíase a bioeconomía dos enclaves forestais, ao diminuír unha fonte de ingresos procedente deste recurso, e agravaríase a dependencia e pobreza enerxética, xa que tanto a biomasa primaria como secundaria son unha importante solución climática polo seu papel na substitución da enerxía fósil. Unido a todo isto, o aumento de biomasa forestal nos bosques sería un risco en termos de perturbacións naturais (pragas e enfermidades) e impedimento á rexeneración. E segundo as últimas investigacións, un bosque menos xestionado é un bosque con menos absorción de CO2 e con máis risco de sufrir incendios forestais.
A isto engádese a complexa normativa e burocracia na que se incorrería ao incorporar máis criterios específicos de sostibilidade, que dificultarían aínda máis o desenvolvemento dunha xestión forestal axeitada, co risco de abandonar os montes e a súa actividade. Para rematar, esta proposta entra en conflito co propósito de RePowerEU, que pretende aumentar o obxectivo das enerxías renovables ao 45 %.
Por tanto, COSE rexeita a idea de establecer categorías separadas para a biomasa primaria e secundaria, e pide emendas que permitan contabilizar a biomasa primaria no obxectivo das enerxías renovables. É importante recoñecer que o mercado xa garante que a madeira de alta calidade se emprega para produtos de alto valor engadido, o que significa que o sector da enerxía da madeira non emprega madeira en rollo de alto valor como materia prima, un dos temores de Europa. Hai que ter en conta, ademais, que a biomasa que se xera en moitos montes mediterráneos non atopa outro destino que o da bioenerxía.
UNHA FISCALIDADE FORESTAL
Outra das cuestións aprobadas na asemblea anual foi a petición dunha serie de propostas fiscais que poderían reverter a situación de progresivo abandono da actividade forestal. Estas propostas teñen en conta a realidade das actividades silvícolas como as longas quendas de produción e longos períodos de retorno dos investimentos, a falta de rendibilidade económica, as ameazas sanitarias e un alto risco de incendio forestal que se incrementa con veráns cada vez máis calorosos, secas ou vendavais e con riscos derivados da propia realidade dun mercado a tan longo prazo. Segundo un informe do Banco de España, é “imprescindible” potenciar e mellorar a fiscalidade medioambiental para que a economía poida avanzar eficientemente e con menores custos no proceso de transición ecolóxica.
Segundo isto, presentáronse as seguintes propostas:
- Compatibilidade (baixo certas circunstancias) entre o Réxime de Estimación Directa e o Réxime de Estimación Obxectiva.
- Exención parcial dos ingresos por venda de madeira de especies con quenda de corta superior aos 30 anos.
- Dedución no IRPF e no Imposto de Sociedades por gastos e investimentos que realicen os silvicultores activos na conservación, mantemento, mellora, protección e acceso do monte.
Unha silvicultura activa beneficia a toda a sociedade: é un seguro para a xeración de emprego e de riqueza na contorna rural, un freo a incendios e pragas, e un medio de conservación e mellora das funcións ambientais e sociais que desempeñan os bosques, esenciais para manter a vida no planeta e que, de momento, seguen sen ser retribuídos aos titulares destes.
Por último, propúxose traballar de forma conxunta para que se habiliten mecanismos financeiros que permitan aumentar a captación de CO2 dos sumidoiros de carbono e que repercutan na xestión do propietario, dando cumprimento ao artigo 6 da Ley 7/2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética.