COMPÁS.- As queimas prescritas explicadas brevemente
Dentro do proxecto COMPÁS, a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración coa Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Sabaxáns (Mondariz), elaborou e difundiu nas redes sociais un minivideo sobre as queimas prescritas, tamén chamadas queimas controladas.
Este tipo de queimas, moi empregadas no rural galego en épocas pretéritas, son unha ferramenta moi útil para controlar o mato no monte e para a rexeneración do pasto, sempre e cando se fagan correctamente e coas debidas precaucións.
Apoiándose nas imaxes dunha queima deste tipo realizada no mes de febreiro en Sabaxáns, no video preséntanse de forma moi resumida as vantaxes e os condicionantes deste tipo de queimas facendo moito fincapé na obriga de que sexan planificadas, feitas e supervisadas polo persoal dos Equipos de Prevención Integral de Incendios Forestais. Hai que ter en conta que unha queima deste tipo, de non facerse con acompañamento técnico axeitado, terá a consideración de incendio intencionado.
Os requisitos principais dunha queima de tipo preventivo son:
- Hai que facelas de acordo cos requisitos que se establezan, coa presenza de persoal técnico autorizado para a xestión de queimas controladas e equipos de extinción.
- É necesario dispor dunha franxa perimetral de seguranza.
- Só se permite facer fóra da época de perigo alto de incendio e cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa baixo ou moderado.
As queimas controladas ou prescirtas son un método de control de combustible máis barato cás rozas mecánicas e axudan a incrementar a saúde dos solos debido á achega de catións que aumentan o pH do chan, reducindo a súa acidez e facilitando a absorción de nutrientes polas plantas.
Pódese acceder á versión do minivideo en galego neste enlace.
Pódese acceder á versión do minivideo en castelán neste outro enlace.
O proxecto COMPÁS está coordinado pola Universidade Pública de Navarra no que participan ademais a Asociación Forestal de Galicia (AFG), a Estación Experimental do Zaidín de Granada (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Pastores polo Monte Mediterráneo.
COMPÁS conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.