Comeza o proxecto Formanrisk cunha reunión en Zaragoza
O 18 e 19 de novembro tivo lugar en Zaragoza a primeira reunión do proxecto Formanrisk, financiado pola Unión Europea a través dos fondos FEDER e que se encontra dentro do programa Interreg Sudoe. Nesta primeira reunión, os socios tiveron oportunidade de coñecerse e aproveitaron para planificar e organizar o calendario de traballo dos seis primeiros meses do proxecto.
O proxecto FORMANRISK pertence ao eixo prioritario 4, de loita contra o cambio climático e ten como obxectivo principal achegar solucións operativas para o espazo SUDOE, con vistas a mellorar a xestión dunha fase clave na vida dos bosques: a rexeneración.
Cunha perspectiva transnacional, o proxecto organizará actividades de formación e intercambio de experiencias, ademais de desenvolver ferramentas de xestión modernas e compartidas. A implantación dunha rede de bosques piloto e de espazos de traballo “de demostración” no territorio SUDOE constitúe unha das liñas principais do proxecto, que nos permite experimentar novas técnicas de rexeneración e de xestión do risco, ao tempo que sensibilizamos os actores do territorio e aceleramos a creación de novas normas de xestión no espazo de colaboración.
Os socios do proxecto son: Office National des Forêts (ONF), líder do proxecto; Institut Méditerranéen du Liège (IML); Institut National de la Recherche Agronomique (INRA); Gistree, Sistemas de Informação Geográfica, Floresta e Ambiente, Lda. (Gistree); Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA); Consorci Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya (CTFC); Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro (UTAD) e Asociación Forestal de Galicia (AFG).
O orzamento total do consorcio é de 1.568.867,98 € para o desenvolvemento das actividades. Do orzamento total un 75 % está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa de Cooperación Interreg V-B Europa Suroccidental (2014-2020).
SUDOE
O Programa Interreg Sudoe apoia o desenvolvemento rexional no suroeste de Europa, financiando proxectos transnacionais a través do Fondo FEDER. Así, promove a cooperación transnacional para tratar problemáticas comúns ás rexións do antedito territorio, como son o baixo investimento en investigación e desenvolvemento, a baixa competitividade da pequena e mediana empresa e a exposición ao cambio climático e riscos ambientais.
Os proxectos aprobados son froito de consorcios compostos por socios públicos e/ou privados, procedentes de rexións de diferentes países do suroeste europeo. As rexións elixibles son todas as comunidades autónomas españolas (excepto Canarias), as rexións do suroeste de Francia (Auvergne, Occitanie e Nouvelle Aquitaine), as rexións continentais de Portugal, Reino Unido (Gibraltar) e o Principado de Andorra.