Celebración do Día da Árbore no monte demostrativo de Mouriscados
Un grupo de arredor de medio cento de escolares do CEIP Antonio Blanco (Covelo, Pontevedra) colaboraron coa Comunidade de Montes Veciñais de Mouriscados (Mondariz) e coa Asociación Forestal de Galicia na plantación de 60 érbedos no monte demostrativo de Mouriscados. A xornada, coa que se trata de promover a educación ambiental do estudantado, serviu para celebrar o Día da Árbore.
A plantación de 60 érbedos no monte veciñal planificouse nunha franxa que actuará como devasa natural para a prevención de incendios. En paralelo, os érbedos producen uns froitos moi apetecibles para paxaros e outra fauna, polo que ese espazo funcionará tamén como un pequeno bosque comestible.
A celebración do Día da Árbore no monte demostrativo de Mouriscados orientouse a divulgar entre o estudantado os beneficios ambientais que xeran o monte e a propia actividade forestal. Coa plantación de érbedos comprobaron como previr os incendios dun xeito activo e coñeceron como comunidades de montes e propietarios forestais se preocupan por aumentar a biodiversidade dos seus terreos, que lle prestan unha serie de servizos ecosistémicos ao conxunto da sociedade.
Sobre o monte demostrativo de Mouriscados
O monte demostrativo de Mouriscados, de 315 hectáreas, está situado no concello de Mondariz (Pontevedra) e une patrimonio natural, cultural e histórico nunha contorna excepcional para a práctica de sendeirismo.
Conta con múltiples áreas de importante valor ambiental: bosquetes de especies autóctonas (carballos, salgueiros e castiñeiros, entre outras) en aproximadamente 35,95 hectáreas. Polo monte transcorre o río Xabriña, curso de auga emblemático na comarca, con zonas dunha alta calidade na vexetación de ribeira.
A Asociación Forestal de Galicia está colaborando coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados, propietaria do espazo, na xestión do monte e na restauración con coníferas e frondosas caducifolias de áreas afectadas por un incendio forestal.