Autoctonía en especies forestais
Este texto foi escrito por Juan José Villarino (falecido en 2016) para publicar na revista O Monte, nº 59 en 2016
Juan José Villarino Urtiaga
Enxeñeiro de Montes, exprofesor de Silvicultura da Universidade de Santiago de Compostela
As bases do debate
A cuestión de se unha árbore forestal é ou non autóctona, así formulada, pode producir no leigo na materia, a falsa impresión de que se está a falar dun atributo ou cualidade da propia especie. Non sendo precisamente dese modo a cousa, resulta preciso fixar xa desde o principio unha mínima armazón conceptual que faga posible unha discusión racional do tema.
Os puntos a ter en conta, son como mínimo os tres seguintes:
1º.- O taxon ou unidade taxonómica. Normalmente tratarase da especie, inda que tamén se podería considerar unha categoría superior (o xénero) ou inferior (subespecie ou variedade).
2º.- A área xeográfico-ecolóxica na que se postula a autoctonía da especie.
Unha especie pode non estar presente nunha zona relativamente reducida en extensión da súa área de distribución natural (un concello ou unha bisbarra, por exemplo) e porén reaparecer cando se aumenta a superficie pescudada; este feito apunta a conclusión de que carece de sentido rebaixar excesivamente a extensión das áreas de referenza.
A Galicia atlántica forma parte da área de florestas eurosiberianas do vello continente e esta, do Reino Floral Holártico que inclúe ademais as correspondentes de Norteamérica.
A Pseudotsuga menziesii plantada en Galicia dificilmente pode considerarse como exótica cando provén de localizacións dentro do mesmo Reino Floral.
Ás veces xurden controversias que teñen como orixe discrepancias na adscrición taxonómica da especie. Como exemplo desto último, direi que en anos relativamente recentes publicouse unha cita de Betula pendula, supostamente bidueiro nativo, no concello de Guntín, a uns 20 km de Lugo. Como resulta que arestora está xeralmente admitido que a denominación correcta para as poboacións de bidueiros de Galicia é a de Betula celtiberica, o lóxico sería concluír que é esta última especie a presente como autóctona na rexión (Meseta Central de Lugo). Betula pendula non é autóctona en Galicia pero iso non nos debe privar do recoñecemento de que amosa boa adaptación ó medio –alomenos nas áreas de meirande presenza de bidueiros nativos-; e ademais de que o seu valor ornamental é superior ó do autóctono B. celtiberica.
3º.- A necesidade de tomar en consideración as cuestións de tipo dinámico-temporal en conxunción coas anteriormente citadas. Este punto, pola súa relevancia, merece a apertura dun novo epígrafe.
Recoñecemento do dinamismo
O caso de especies relícticas, encaixonadas en encraves reducidos e desprovistas de posibilidades de expansión fóra dos refuxios que permiten a súa supervivencia a curto prazo é un bon exemplo de que “autóctono” non sempre resulta sinónimo de “competitivo no medio natural”. Sobre elas pende arreo a ameaza da extinción, que pode chegar a facerse efectiva como resultado dun imprevisto agravamento das condicións ambientais, se cadra provocado pola ocorrencia dalgunha perturbación catastrófica: incendios, pragas de insectos, etc.
E á inversa, unha especie non presente nun momento determinado pode acabar aparecendo no sitio como resultado da culminación dunha dinámica migratoria se se dan as dúas condicións seguintes:
- Que o borde da área de distribución non se atope excesivamente lonxe (e sen que no itinerario existan barreiras naturais insuperables) e
- Que o proceso se vexa favorecido por unha adaptación axeitada da especie: produción abundante e frecuente de sementes de doada dispersión; rápida xerminación das sementes, crecemento rápido dos brinzais e curto prazo de tempo para a frutificación das plantas da seguinte xeneración.
A loureira, Prunus laurocerasus L.
RUIZ DE LA TORRE consigna coma área de distribución natural da especie “Caucasia, Persia y Este de los Balcanes”. Esta última área, o leste dos Balcáns, podería facer referencia á rexión histórica da Tracia, que na actualidade comprende a zona europeia de Turquía máis a franxa máis oriental de Grecia e a parte SE de Bulgaria. Neste punto, sería particularmente interesante poder dispor dun bon mapa da área de distribución e, máis de modo específico, dunha descrición das características daquel borde occidental no leste dos Balcáns e mesmo no seu caso dalgunha avaliación de posibles pautas migratorias.
Non dispoñendo de tales ferramentas e sen máis información ca enriba exposta, tratarei de acadar algunha dedución que nos poida ser de certa utilidade.
A comparanza entre as áreas de distribución de dúas especies pode permitirnos deducir algunhas características ecolóxicas, alomenos en termos relativos. Así, no caso de Prunus lusitanica e máis Prunus laurocerasus, parece lóxico suporlle a esta última unha mellor adaptación en zonas de clima algo continental e frío no inverno.
En Galicia, xa sabemos que a loureira desprega unha boa capacidade de adaptación ó medio e un apreciable potencial rexenerativo, tanto mediante sementes como vexetativamente, inda que na miña opinión o feito de a considerar como especie invasora e excluínte é unha manifesta esaxeración.
RIGUEIRO et al. inclúen Prunus laurocerasus como medicinal no seu libro “Guía de plantas medicinais de Galicia”e RUIZ DE LA TORRE sinala que se utilizan en farmacia as follas e que delas obténse tamén a esencia de améndoas amargas en pastelaria. Outras fontes indican como propiedades medicinais, un efecto sedante sobre o sistema nervioso, e máis que as sementes, polo seu alto contido en ácido cianhídrico, son tóxicas.
Inda que non sexa autóctona de Galicia, hai que ter en conta que a área de distribución natural da loureira sitúase relativamente próxima, e nun ámbito latitudinal parello, na rexión balcánica da Europa oriental.
A cuestión clave é a de se a especie amosa ou non algún tipo de cualidades que xustifiquen a súa utilización no espazo agroforestal; e sen dúbida algunha cómpre recoñecerlle que sí ten esas cualidades:
- Porque a loureira é especie rústica e adaptable nunha grande variedade de tipos de estacións agroforestais.
- Porque ten utilidade na instalación de sebeiros de protección contra o vento.
- Porque ten usos medicinais e gastronómicos.
- Porque é doada de reproducir, aforrando cartos de adquisición de planta de viveiro.
- E finalmente, porque ten aceptación social no medio rural galego.
Os eucaliptos nitens e xigante
Os eucaliptos nitens e delegatensis ou gigantea están ben adaptados a áreas de invernos fríos, nas que axea o globulus. Dos dous, o nitens é o de máis recente introducción na Terra Chá lucense.
O eucalipto xigante (Eucalyptus delegatensis) xa se plantaba na década dos 70. Ten moi boa adaptación na bisbarra, un crecemento moi rápido –particularmente en diámetro– e rexenérase naturalmente, tanto por rebentos de cepa como por semente, de xeito que tras dunha corta o terreo repóboase de novo sen custo algún para o propietario.
En cambio, E. nitens non se rexenera naturalmente, o que impón unha silvicultura semellante á do piñeiro radiata ou insigne, con novo traballo do terreo e plantación despois da corta a feito.
Parece ser que os “poderes fácticos” están interesados en promover a utilización de E. nitens e perante este feito un pregúntase cal pode ser a razón:
¿Será porque a madeira do nitens ten algunha cualidade especial? Porque a igual prezo parece indiscutible que o xigante é máis rendible.
¿Ou será porque ó capital do sector lle convén máis o tipo de silvicultura do nitens cos seus conseguintes investimentos en laboreo e plantación cada poucos anos no mesmo sitio?
Eu, a verdade, non sei que pensar. Se cadra, algún lector da nosa revista podería ter algunha boa explicación para a miña pregunta.
Saber, non sei, mais o que suspeito é que quen coñecen o tema a fondo non son lectores de publicacións sobre silvicultura; o que eles leen son revistas coma The Wall Street Journal, The Economist, etc.
E para rematar, unha cita bibliográfica
STEPHEN H SPURR e máis BURTON V BARNES son dous coñecidos ecólogos forestais norteamericanos. A súa obra conxunta Forest Ecology – da que posúo unha tradución ó español-, é considerada como unha das referencias básicas dentro da literatura sobre a ecoloxía forestal.
Para non facer a cita excesivamente longa, limitareime a transcribir dous ou tres parágrafos nos que os autores guindan, -por se o lector puidera decidir recoller a luva-, un novo enfoque da disciplina: o concepto biocéntrico.
“Desde un punto de vista biocéntrico deixan de ter sentido os conceptos en oposición de especies nativas e introducidas ou foráneas. Caracterizar unha planta ou un animal como de tipo exótico ou autóctono é determinalo só desde o punto de vista da nosa relación con eles”.
“Para o pradairo que está a medrar nun sitio é intranscendente se as súas sementes aladas se dispersan polos seus propios medios ou se son axudadas ou arrastradas polas alas dun aeroplano”.
“O ecosistema está formado por todas as plantas e os animais que se atopan nun punto do espazo e nun instante determinado. Todos os individuos migraron ao lugar transportados pólo vento, os animais, a auga ou os seres humanos. Unha vez que se achan no lugar e se adaptan ás condicións medioambientais, son membros do ecosistema local ata que eles mesmos ou os seus descendentes sexan eliminados del”.