Ash4Soil, un proxecto de innovación que empregará cinzas de biomasa e xurros para conseguir unha mellora produtiva do solo
Cun orzamento de 600 000 € e unha subvención de 575 700,36 € cofinanciada nun 80 % por fondos FEADER, ponse en marcha o proxecto Ash4Soil, un grupo operativo de carácter supraautonómico que pretende conseguir unha mellora na calidade de solos acedos e un incremento na produtividade en plantacións forestais e agrícolas mediante o desenvolvemento e uso dun material emendante-fertilizante, denominado Ash4Soil, obtido a partir de biomasa forestal e residuos de orixe gandeira.
España posúe aproximadamente preto dun 40 % de solos acedos cun potencial produtivo mermado debido ao baixo pH que posúen. Por isto, o emprego de emendas calcaria resulta esencial para mellorar a fertilidade do solo, sempre complementado coa adición de elementos fertilizantes para cubrir as necesidades dos cultivos (fundamentalmente nitróxeno, fósforo e potasio).
Os materiais encalantes empregados en España proceden principalmente de canteiras do este e sur peninsular (Tarragona, Barcelona, Almería), cuxa actividade implica un forte impacto ambiental e require un gran consumo de combustibles fósiles para ser transportados ata as zonas españolas de pH acedos, como Estremadura, Castela e León e Galicia. O transporte destes materiais xera importantes custos medioambientais que poderían resolverse a través do emprego de subprodutos ricos en calcio dispoñibles na zona, como é o caso da cinza, fomentando a bioeconomía e a economía circular.
O potencial de xeración de cinzas de orixe forestal que hai en Galicia é moi elevado, de ao redor de 50 000 toneladas anuais. Trátase, polo tanto, dun subproduto altamente dispoñible que podería ser empregado como calcaria, conseguindo a súa revalorización, a redución de custos e emisións asociadas ao transporte dos materiais calcarios e o desenvolvemento dun novo modelo de negocio baseado nun produto que se orixina a partir de biomasa, cumprindo deste modo cos obxectivos da estratexia europea de economía circular e a bioeconomía.
Neste contexto nace o grupo operativo Ash4Soil, que pretende avaliar os beneficios en canto a rendemento agrícola e forestal mediante o emprego dun emendante-fertilizante (Ash4Soil) para solos acedos elaborado a partir de cinzas procedentes da queima de subprodutos forestais en combinación cun fertilizante orgánico de gran calidad elaborado a partir de xurros obtidos de explotacións gandeiras de Galicia, Estremadura e Castela e León.
Para conseguir este obxectivo conformouse un equipo multidisciplinar coordinado pola Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA), no que participan como socios a empresa Greenalia Biomass Power Curtis Teixeiro S.L.U., como provedora de cinzas de orixe forestal, as explotacións gandeiras Sociedade Cooperativa A Carqueixa, Agrobarcenilla S.L. e Almacenes Boina S.L., como provedores de xurros e esterco de galiñas e de terreos agrícolas de ensaio onde avaliar o produto, a empresa SELGA – Compañía Galega de Silvicultores S.L., como provedora de terreos forestais de ensaio onde avaliar o produto, e a empresa Álvaro Rodríguez Eiras S.L. (ARESA), que achega circuítos comerciais xa establecidos entre todas as comunidades autónomas implicadas no proxecto (Galicia, Estremadura e Castela e León).
Ash4Soil desenvolverase, experimentará e validará ao longo de máis de 3 anos, durante os que se levará a cabo a formulación e desenvolvemento do produto emendante-fertilizante obtido a partir da caracterización fisicoquímica e mestura de cinzas procedentes da queima de biomasa forestal e residuos de gandería con propiedades fertilizantes (xurro/esterco de galiña). Este produto será avaliado en solos acedos para estudar o seu potencial emendante e fertilizante. Cos resultados obtidos levarase a cabo a cuantificación de indicadores de sustentabilidade económica, ambiental e social do produto obtido para elaborar un indicador de sostibilidade integrado, que será validado por grupos focais compostos polos principais actores dos sectores de interese. Ademais, levaranse a cabo ensaios co produto en terreos agrícolas (trigo e cerdeira) e forestais (frondosas e coníferas) para a validación do produto emendante-fertilizante. A última fase do proxecto consistirá en determinar as propiedades e especificacións a cumprir polo novo produto para a súa comercialización segundo a normativa e lexislación vixentes.
Coa finalización exitosa do proxecto Ash4Soil terase conseguido un produto emendante-fertilizante para solos acedos que permitirá favorecer a economía circular e a sostibilidade da actividade agraria e forestal ao conseguir unha mellora na produtividade unha diminución dos seus custos globais, unha redución do emprego de produtos de orixe sintético, coa consecuente redución en emisións de gases de efecto invernadoiro directos e indirectos (produción e transporte), e a valorización de residuos de orixe agraria e forestal, que facilitarán o reciclado de nutrientes e contribuirán a limitar o recheo de vertedoiros. Os resultados ademais están en liña co Real Decreto sobre produtos biofertilizantes.
O proxecto Ash4Soil está enmarcado no Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación destas axudas. Orzamento total do proxecto: 600 000,00 €. Subvención total: 575 700,36 €.
O grupo operativo Ash4Soil é a entidade responsable deste contido.