Celebradas con éxito as asembleas xerais da AFG en Torroso (Mos)
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou na mañá deste sábado 26 de abril en Mos (Pontevedra) a súa asemblea ordinaria anual, na que se aprobou unha resolución pola que se solicita a posta en marcha dunha normativa específica para a ordenación sostible do eucalipto. A proposta da AFG é que esa futura normativa se consensúe con todo o sector forestal e co Goberno galego ao longo dos próximos meses.
A fórmula de regulación que a Asociación Forestal considera máis idónea é a creación da figura de ‘dereitos de eucalipto’. Este sistema permitiría que as persoas propietarias que teñan na actualidade plantacións de eucalipto en sitios pouco aptos para a especie poidan vender os seus dereitos de plantación a outras persoas que teñan mellores condicións para o cultivo desta especie.
Deste xeito, poderíanse eliminar eucaliptais que na actualidade están en estado de abandono e/ou ocupando superficies pouco produtivas ou non mecanizables. O mecanismo tería ademais vantaxes adicionais, como a de crear incentivos para a retirada do eucalipto de espazos naturais protexidos ou a de favorecer a instalación doutras especies forestais nas actuais masas de eucalipto, de cara a crear unha paisaxe mosaico con discontinuidades, favorecendo así a biodiversidade.
En tanto esta normativa específica para a regulación do eucalipto non se consensúe e se poña en marcha, a Asociación Forestal de Galicia entende que é preciso prolongar a actual moratoria do eucalipto, que en principio expira a final do 2025.
A resolución aprobada na asemblea especifica que esta prórroga da moratoria debe facerse por un período de 2–3 anos, debendo ser eliminada unha vez se aprobe a futura normativa específica.
Proposta para a mutualización dos gastos das franxas de protección de incendios
Na asemblea ordinaria da Asociación Forestal de Galicia aprobáronse outras dúas resolucións. Unha sobre as franxas secundarias de protección de incendios e outra sobre a regulación da actividade forestal en áreas de afección de patrimonio cultural.
No tocante ás franxas secundarias de protección de incendios, que se dispoñen arredor de vivendas e núcleos de poboación, a asemblea da AFG solicita que a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais recolla a mutualización do gasto de mantemento das franxas secundarias.
A Asociación Forestal de Galicia considera que os gastos anuais de roza desas franxas non deben recaer só sobre as persoas propietarias forestais, senón que debe buscarse unha mutualización dos custos, tendo en conta ademais a perda da capacidade produtiva desas parcelas.
Áreas afectadas por patrimonio cultural
Unha terceira resolución da asemblea fai referencia ás áreas forestais afectadas por elementos de patrimonio cultural, para as que se pide a definición dunhas instrucións para os traballos forestais. A AFG é favorable á conservación dos elementos patrimoniais en monte, pero subliña que deben reducirse tanto a burocracia como os gastos actuais que implica para a propiedade a presenza de patrimonio cultural no monte.
Despedida de Francisco Dans
A maiores da aprobación de resolucións e de cuestións de xestión da AFG, o momento máis emotivo da asemblea ordinaria produciuse coa despedida de Francisco Dans, impulsor da Asociación Forestal de Galicia e director da entidade desde o ano 1986. Dans vén de deixar o seu posto á fronte da AFG pola súa próxima xubilación e tivo ocasión de despedirse dos socios na asemblea do 26 de abril.
Durante os seus 38 anos como director na Asociación Forestal de Galicia, da que foi un dos seus creadores, Francisco Dans liderou a defensa dos intereses da propiedade forestal privada e das comunidades de montes veciñais en man común.
En sintonía coas liñas de traballo acordadas cos catro presidentes da AFG cos que conviviu, representou á AFG na gran maioría dos foros e comités do sector forestal galego e español, así como a nivel internacional. Nos últimos anos, veu desempeñando tamén os cargos de vicepresidente da Fundación Arume e de vicepresidente de Relacións Institucionais da AFG. Ata xullo do 2025 continuará traballando na AFG.
Ante a saída de Francisco Dans, unha figura clave no sector forestal galego nas últimas décadas, a Xunta de Goberno da Asociación Forestal de Galicia designou como novo director a Xosé Covelo Míguez, enxeñeiro de Montes que leva traballando na asociación desde o ano 2018, primeiro como encargado da unidade de comercialización de madeira e posteriormente como director técnico da oficina de Ponteareas, ademais de ser responsable da supervisión da unidade de certificación e de proxectos de CO2.
No seu cometido, Covelo estará asistido por tres directores técnicos, todos cunha longa experiencia de traballo na AFG e recoñecidos profesionais no sector: Daniel Rodríguez, na dirección económica; Braulio Molina, en I+D+i, e Jorge Bouzas na dirección técnica forestal.


















