A Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, establece a obrigatoriedade de que as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica se teñan que relacionar coa Administración pública por medios electrónicos. Así pois, as comunidades de montes veciñais en man común precisarán contar, polo regular, cun certificado ou sinatura electrónica para poder dar cumprimento a esta obriga ao ser unha entidade sen personalidade xurídica.
As xestións telemáticas máis habituais pasan pola presentación de documentación, de recursos, de solicitudes, de declaracións responsables ou de certificacións ante as diversas administracións públicas, así como recibir notificación das mesmas (Xunta de Galicia, Axencia Tributaria, Confederación Hidrográfica, ministerios, Castastro, concellos ou deputacións, entre outras).
Obrigas de comunicación co Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común
Para poder manter información actualizada das comunidades de montes veciñais, a Consellería do Medio Rural dispón dun rexistro público de carácter administrativo chamado Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común, que conta cunha sección por cada delegación provincial.
A Xunta de Galicia non manterá relación administrativa algunha coas comunidades de montes veciñais sen previa certificación do encargado dese rexistro, ou das súas seccións, relativa á súa situación estatutaria, lexitimidade de quen ostente a súa representación e constancia dos actos de disposición e demais anotacións das que preceptivamente deba ter coñecemento.
Na diferente normativa que afecta ás comunidades de montes de Galicia establécense unha serie de obrigas de comunicación, tanto de carácter periódico como puntual, que lle permite á Administración ter información concreta da situación administrativa dos montes veciñais en man común.
Nos últimos anos, e coa mellora das comunicacións entre as comunidades e a Administración forestal grazas ás novas tecnoloxías da información, esta alimentación de datos por parte das xuntas reitoras das comunidades está sendo cada vez máis eficiente.
Con carácter anual, ao longo do mes de xaneiro, as comunidades de montes teñen que remitir o listado de veciños comuneiros.
Con carácter tamén anual, ao longo dos primeiros seis meses do ano, deberán presentar a comunicación de reinvestimentos.
No caso de elección de nova Xunta Reitora ou renovación da anterior, é necesario remitir certificación do secretario coa composición da Xunta Reitora, acompañada de listado actualizado do censo de comuneiros (así o persoal do Rexistro xeral comprobará a condición de comuneiros dos membros da Xunta Reitora).
Esta web usa cookies para asegurarse de ofrecer a mellor experiencia de usuario. Por favor, preme no botón "Acepto" para continuar navegando por esta web. Gracias!AceptoPolítica de cookies