As comunidades de Cepeda e de Amoedo, afectadas por un dos grandes lumes do 2017, inscriben a restauración dos seus montes veciñais no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica
As comunidades de montes de Cepeda e de Amoedo, ambas do concello de Pazos de Borbén (Pontevedra), sufriron de cheo un dos grandes incendios forestais de outubro do 2017, pois o lume calcinou por completo a superficie de ambos montes, 190 hectáreas no caso de Cepeda e 372,5 no de Amoedo. Desde entón, ambas comunidades traballaron na restauración ambiental das superficies queimadas, un proceso que agora reforzan coa inscrición desas plantacións no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica, o que permitirá que as dúas comunidades poidan recibir fondos daquelas empresas interesadas en compensar a súa pegada de carbono.
Os fondos que se capten serán destinados, de xeito íntegro, á restauración da superficie queimada, permitindo así completar os traballos silvícolas previstos para acadar o obxectivo de que esas masas forestais cheguen a adultas.
Os traballos de restauración leváronse a cabo nunha superficie de 111 hectáreas, onde se habilitaron masas de piñeiros do país e de frondosas caducifolias, principalmente castiñeiros, carballos e bidueiros. En total, nesa superficie instaláronse máis de 100.000 árbores que está previsto que capten ao redor das 27.000 toneladas CO2 durante os períodos mínimos ao que as comunidades se comprometeron a manter as masas en pé, períodos que oscilan entre os 35 e os 50 anos.
Toda a zona reforestada contará con certificación FSC e PEFC, o que é unha garantía da súa xestión sostible, destacando que máis dun terzo da superficie restaurada (40 hectáreas) será destinada a funcións protectoras, sen fins produtivos, onde se instalarán principalmente masas de frondosas autóctonas.
Os proxectos de restauración contaron co apoio e coordinación da Asociación Forestal de Galicia, e están incluídos dentro dun plan de restauración de superficies degradadas que se está a desenvolver a nivel autonómico. O obxectivo principal deste plan, que se realiza simultaneamente nas catro provincias galegas, é o de captar financiamento daquelas empresas que estean interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de CO2. Con eses fondos preténdese acelerar o proceso de recuperación dos montes que fosen afectados polos incendios forestais nos últimos anos, ou ben promover a reforestación daquelas superficies que se atoparon rasas ao longo dos últimos 30 anos.