As asociacións da cadea forestal traballan xuntas para conseguir unha nova lei de incendios eficaz e de consenso
As asociacións representativas do sector forestal que participaron na reunión celebrada o pasado xoves, 1 de outubro, están traballando conxuntamente na análise do borrador do anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia, co o obxectivo de achegar propostas que contribúan a mellorar a futura normativa e reforzar a súa eficacia.
O sector comparte a necesidade de seguir avanzando na prevención dos incendios forestais e considera que un dos piares fundamentais para conseguilo debe ser favorecer unha xestión do territorio activa, continuada e con criterios profesionais.
Neste sentido, as asociacións están analizando o texto desde unha perspectiva técnica e económica, con especial atención a que as medidas que finalmente incorpore a Lei sexan eficaces desde o punto de vista preventivo e sen graves barreiras de implantación, de modo que sexan viables para persoas propietarias, comunidades de montes, xestores e empresas forestais.
O traballo parte dunha consideración esencial: para reducir de maneira estrutural o risco de incendios, intimamente asociado ao abandono e á acumulación de combustible, é necesario que exista actividade no territorio. Por isto, xunto coas necesarias medidas de protección e prevención, o sector considera importante desenvolver incentivos, instrumentos de apoio e solucións que fagan atractiva a xestión forestal, favorezan o investimento e permitan manter as actuacións preventivas no tempo.
O obxectivo é contribuír a unha normativa que combine axeitadamente prevención, seguridade, sostibilidade ambiental e viabilidade económica, e que facilite que cada vez una maior superficie do territorio forestal galego se encontre xestionada. Unha Lei que non o fixera así, correría o risco de elevar o risco que pretende evitar.
As asociacións trasladarán as conclusións deste traballo á Consellería do Medio Rural nas reunións previstas cos directores xerais competentes nas materias relacionadas co anteproxecto, con vontade de diálogo e colaboración e co propósito de achegar a experiencia de quen xestiona, traballa e desenvolve actividade económica diariamente no monte galego.
O sector forestal considera que o proceso de elaboración da nova Lei constitúe unha oportunidade para avanzar cara un modelo de prevención cada vez máis ligado á xestión do territorio, buscando que as medidas que finalmente se adopten poidan manterse de forma eficaz e sostible a longo prazo.
“A mellor garantía para manter un territorio coidado é que exista interese en xestionalo. Prevención e xestión forestal activa deben avanzar xuntas.”

