As ameazas climáticas e de patoloxías que enfrontan os piñeirais obrigan a aumentar os esforzos en mellora xenética
Os piñeirais están sometidos en todo o arco atlántico europeo a ameazas, como son o cambio climático e a expansión de novas patoloxías. Para garantir a sostibilidade dos montes de coníferas, farase preciso acelerar a mellora xenética dos piñeiros, orientándoa a lograr plantas máis resistentes ás secas, que sexan menos susceptibles a enfermidades e pragas, e que conserven unha boa variabilidade xenética. Necesítase con urxencia aumentar os recursos públicos e privados dedicados a investigación.
Esta foi unha das principais conclusións dun foro en liña sobre a resiliencia dos montes de coníferas organizado o pasado 19 de novembro pola Asociación Forestal de Galicia e Forestis, unha federación portuguesa de propietarios forestais. Os expertos que participaron na xornada destacaron a conveniencia de lanzar un programa transnacional de mellora xenética, que complemente os programas nacionais ou rexionais, de xeito que se logren maiores avances en menores prazos.
O evento, patrocinado pola Fundación Arume e polo proxecto Biotecfor, contou con máis de 200 persoas inscritas e tivo como relatores a investigadores de Galicia (Raquel Díaz, Centro de Investigación Forestal de Lourizán), País Vasco (Javier Herrero, Neiker), Madrid (Ricardo Alía, INIA), Francia (Annie Raffin, INRAE), Portugal (Isabel Carrasquinho, INIAV) e Chile (Fernando Droppemann, Universidad Austral de Chile). Da presentación e conclusións encargáronse o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, e Rosario Alves, directora de Forestis.
Cambio climático
Os retos que enfrontan os montes de coníferas son importantes se se teñen en conta as previsións de cambio climático. Na Nova Aquitania, en Francia, calculan que no 2050 as precipitacións terán descendido arredor dun 10 % por mor do cambio climático, o que terá unha repercusión directa da mesma orde sobre a produtividade dos piñeirais. Pero para o 2070, a baixada de produción pode chegar ata o 40 %, de cumprirse as peores previsións de cambio climático.
Se nas últimas décadas a mellora xenética estivo enfocada a un aumento da produtividade e calidade da madeira, os retos de hoxe en día céntranse na sostiblidade, nunha mellora xenética orientada a factores climáticos e a enfrontar novas enfermidades e pragas.
No caso galego, a investigadora Raquel Díaz (CIF Lourizán) explicou no webinario como traballaron para lograr familias de piñeiro do país (Pinus pinaster) resistentes ao nematodo, unha praga que afecta a Portugal e ao sur de Galicia e que constitúe unha gran preocupación para o sector.
Do mesmo xeito, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán está traballando na actualidade na futura catalogación de familias de piñeiro radiata tolerantes á praga.
Transferencia a monte
O reto común do sector é que todo este material de plantas con mellora xenética chegue aos viveiros e ás plantacións en monte. En Nova Aquitania (Francia), xa conseguiron que un 66 % dos seus montes de coníferas estean ocupados por planta con mellora xenética. É unha vía na que agora se está a avanzar tamén en Galicia, pois están aumentando as vendas de semente procedente dos plans de mellora xenética, pero queda un longo camiño por percorrer.
Material renovable e sostible
Outro exemplo de mellora xenética que se coñeceu na xornada foi o caso chileno co piñeiro radiata. O relator chileno, Fernando Droppemann, incidiu en como a madeira obtida en Chile das plantacións de piñeiro radiata lle está sacando presión de cortas aos bosques nativos.
Droppemann defendeu a importancia das plantacións forestais, sinalando que a madeira é unha alternativa verde fronte a materiais tradicionais como o petróleo, o aceiro ou o cemento, pois contribúe ao secuestro de carbono e trátase dun material renovable.
En breve estará dispoñible o webinario completo na páxina web do proxecto BIOTECFOR.