Aprobada a Lei da recuperación da terra agraria de Galicia
O Parlamento de Galicia aprobou o 11 de maio a e lei de recuperación da terra agraria de Galicia que recolle entre outros a coñecida como “moratoria do eucalipto” e o desenvolvemento da figura do silvicultor activo destinada a favorecer mediante axudas e incentivos os propietarios forestais que xestionan de forma sostible os seus montes.
A definición de silvicultor activo establécese como persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, que sexan persoas propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos daquelas unidades de xestión forestal que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e sempre que dispoñan ou estean incluídos dentro dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente, sen prexuízo do disposto na disposición adicional novena desta lei.
Ás persoas inscritas no Rexistro Voluntario de Silvicultores/as Activos/as recoñeceráselles a condición de titulares de explotación agraria.
A Asociación Forestal de Galicia defendeu desde hai anos a necesidade de contar cunha figura semellante para as persoas que xestionan os seus montes de forma sostible.
Moratoria do eucalipto
A nova lei establece a coñecida como “moratoria do eucalipto” que queda como segue:
- Con carácter transitorio, ata o 31 de decembro de 2025 só estarán permitidas as repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos seguintes casos:
a) Repoboacións previstas en instrumentos de ordenación ou xestión forestal que fosen aprobados pola Administración forestal antes da entrada en vigor desta disposición, ou nos citados instrumentos cando a súa solicitude de aprobación se atopase en tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta disposición, e que fosen, finalmente, obxecto de aprobación pola Administración forestal.
b) Repoboacións que, en superficie, sexan equivalentes a outras xa existentes e que teñan unha ocupación dominante de individuos do xénero Eucalyptus, e cuxos titulares decidan transformalas noutras formacións específicas, sexan masas de coníferas ou de frondosas caducifolias. Estas repoboacións deberán cumprir o disposto nesta lei e no resto da lexislación sectorial vixente, e a nova superficie de repoboación pertencerá ao mesmo titular e non poderá superar aquela que foi obxecto de transformación. En todo caso, será necesaria autorización previa emitida polo órgano territorial competente en materia de medio rural onde radique o monte ou terreo forestal. - Con carácter transitorio, ata o 31 de decembro de 2025 as reforestacións con especies do xénero Eucalyptus unicamente estarán permitidas cando a ocupación anterior do terreo obxecto da reforestación constituíse unha masa pura ou mixta dominante deste xénero, e sempre e cando as plantacións anteriores se realizasen respectando o disposto na lexislación sectorial vixente.
- Para os efectos do indicado nos números anteriores, entenderase por dominante aquela ocupación que, dentro da mesma parcela catastral, supoña unha porcentaxe de pés maiores do xénero Eucalyptus superior ao 50 % do total da masa. Para estes efectos, consideraranse pés maiores aqueles que presenten un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros. No caso de que a ocupación do eucalipto sexa superior ao 50 % e inferior ao 80 % do total da masa, será necesaria autorización previa emitida polo órgano territorial competente en materia de medio rural onde radique o monte ou terreo forestal.
Igualmente, poderase solicitar autorización perante o mesmo órgano para aquelas parcelas poboadas con pés do xénero Eucalyptus que estean a ser xestionadas consonte a adhesión a modelos silvícolas orientativos EG2 ou EN2 cuxo obxectivo de xestión é a produción de madeira para serra, chapa ou bateas en quendas superiores a vinte e cinco anos. - O prazo para a execución das novas plantacións que se realicen co xénero Eucalyptus e que fosen autorizadas consonte o artigo 67 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, finalizará aos 30 días da entrada en vigor desta lei.
- A data establecida nos anteriores números 1 e 2 desta disposición poderá ser obxecto de revisión con base nos datos consolidados obtidos polo inventario forestal continuo de Galicia e na revisión das medidas establecidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040.
- Para os efectos previstos nesta disposición, entenderase por repoboación forestal a introdución de especies forestais arbóreas ou arbustivas nun terreo mediante sementeira ou plantación, e poderá ser forestación ou reforestación.
A reforestación consistirá na reintrodución de especies forestais, mediante sementeira ou plantación, en terreos que estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes, pero que quedaron rasos por mor de cortas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.