Aclaracións sobre a interpretación dos artigos 5 e 9 da Directiva Aves
A Comisión Europea publica un documento aclaratorio sobre a aplicación por parte dos Estados membros dos artigos 5 e 9 da Directiva Aves.
O artigo 5 é o que estipula a prohibición de matar, ou capturar de forma intencionada as aves ou destruír ou danar de forma intencionada os seus niños e os seus ovos, ou recoller estes e retelos, inda estando valeiros; perturbar os paxaros de forma intencionada, en particular durante o período de reprodución e crianza e reter aves de especies cuxa caza e captura non estean permitidas.
O 9 establece os casos nos que os estados membros poden introducir excepcións aos artigos 5 a 8 se non houbese solucións satisfactorias debido a unha serie de motivos especificados (saúde, seguridade, prevención…).
O obxectivo deste novo documento (sen validez xurídica) é ofrecer orientación para a interpretación e aplicación do sistema xeral de protección establecido pola Directiva Aves e, ao mesmo tempo, axudar a reducir a carga administrativa. Clarifica os requisitos mínimos e explica como se poden aplicar correctamente os requisitos de protección das especies, ao tempo que se simplifica esta tarefa para as autoridades competentes e os operadores económicos.
Para garantir unha aplicación común das disposicións, as orientacións recollidas neste documento tamén teñen como propósito é clarificar e racionalizar a aplicación da Directiva, proporcionando orientación clara e práctica baseada nas experiencias dos diferentes Estados membros e nos coñecementos obtidos da interpretación da Directiva polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).
Unha das cousas que aclara é que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou que a Directiva Aves obriga os Estados membros a protexer as aves silvestres de orixe natural na UE, aínda que o hábitat natural da especie en cuestión non se atope no territorio do Estado membro de que se trate. As especies introducidas nun Estado membro están cubertas pola Directiva Aves se son autóctonas noutro lugar da UE.
Aclárase tamén que segundo o TXUE, o termo “intencionalidade” abrangue tanto as actividades cuxo propósito é a captura, a morte ou a perturbación de aves, ou a destrución ou o dano dos seus niños, como as actividades que, se ben non teñen ese propósito, implican a aceptación da posibilidade de que se produzan esas capturas, mortes, perturbacións, destrución ou danos.
Medidas de protección e preventivas concretas e específicas
Tal como a AFG sempre reclamou respecto das normas derivadas tanto da Directiva Aves coma da Hábitats, o TXUE sostén que a transposición dunha directiva debe ser clara e precisa, fiel, con forza vinculante incuestionable e coa especificidade, precisión e claridade necesarias para satisfacer os requisitos da seguridade xurídica. Ademais da obriga de transpór correctamente as disposicións da Directiva ao dereito nacional, os Estados membros tamén deben garantir que o sistema de protección establecido se aplique efectivamente na práctica. Por iso, as autoridades competentes desempeñan un papel clave na concienciación sobre as disposicións de protección, no establecemento de esixencias, na creación de incentivos, na vixilancia do cumprimento e na garantía dunha aplicación plena e efectiva.
Indícase que a aplicación axeitada do artigo 5 require que os Estados membros establezan un marco lexislativo completo e eficaz para a protección das aves, o que conduce á implementación de medidas de protección concretas e específicas que deben garantir o cumprimento das prohibicións establecidas no artigo 5 da Directiva. O artigo 5 require, polo tanto, non só a adopción dun marco lexislativo integral, senón tamén a implementación de medidas de protección concretas e específicas.
A simple constatación da presenza de aves non é suficiente por si mesma; tamén debe existir un risco razoable de que a actividade en cuestión poida causar un dano prohibido ás aves presentes. Neste contexto, é importante ter en conta as necesidades e sensibilidades da especie, saber onde aniña, os seus hábitos de aniñadura, as zonas que utiliza para buscar alimento ou cazar, e outras consideracións específicas da especie. Este coñecemento pode basearse na información dos plans de acción de especies, nos plans de xestión de sitios Natura 2000 ou nos plans forestais, así como en calquera outro dato científico relevante e investigación sobre a especie en cuestión.
As autoridades nacionais (no noso caso, as autonómicas) deberían basearse en datos científicos sobre a distribución xeográfica e temporal das aves ao regular as actividades económicas. Deberían empregar todos os medios axeitados para difundir de xeito proactivo información sobre a distribución das aves e sobre as normas existentes para a súa protección, así como as medidas preventivas dispoñibles. As autoridades nacionais tamén deberían poñer esa información á disposición das partes interesadas afectadas, de xeito que as súas actividades económicas ou recreativas poidan coexistir cos requisitos de protección das aves.
Cando unha actividade poida vulnerar as prohibicións establecidas no artigo 5, apartados a), b) ou d), as autoridades nacionais competentes poderán definir medidas preventivas que os actores (económicos ou doutra índole) poidan adoptar durante a fase de planificación e/ou execución para permitir que a actividade en cuestión se leve a cabo, evitando ao mesmo tempo, na medida do posible, dano ás especies de aves presentes. Estas medidas preventivas deben ser concretas e específicas, tendo en conta a información pertinente sobre as especies afectadas e deseñadas para evitar, na medida do posible, calquera dos impactos prohibidos que poida ter a actividade en cuestión, co fin de garantir o efectivo cumprimento das prohibicións establecidas no artigo 5.
As autoridades competentes teñen o deber de ter en conta os ‘datos científicos dispoñibles máis fiables e os resultados máis recentes da investigación internacional’ ao avaliar a eficacia das medidas preventivas.
O artigo 5 esixe, polo tanto, a adopción dun marco lexislativo completo e eficaz mediante a implementación de medidas de protección concretas e específicas que garantan o cumprimento efectivo das prohibicións. Considerando que as autoridades competentes dos Estados membros deben comunicar claramente as prohibicións, así como a información dispoñible sobre a presenza da especie, e as medidas de protección dispoñibles ou prescritas aos usuarios de terra e mar afectados e ao público en xeral.
Os Estados membros tamén deberían establecer un sistema que avalíe a eficacia das medidas preventivas e revise esas medidas de xeito periódico, como parte do sistema xeral de protección esixido polo artigo 5 e definir as medidas preventivas adecuadas en relación coa especie e a situación concretas.
Tamén se indica que os incentivos financeiros e o apoio, entre outros, ás persoas que practican a silvicultura, tamén son importantes para axudar a garantir que as actividades forestais estean en liña coa protección das aves.
Os servizos de asesoramento dos gobernos deberían proporcionar información sobre os requisitos de protección de aves aos propietarios de montes. Esta información debería estar guiada e apoiada por bases de datos centrais en liña específicas de especies, guías específicas sobre a protección de especies na silvicultura, ferramentas cartográficas, folletos sobre determinadas especies protexidas ou un portal de servizos en liña con opcións de información para o diálogo entre os organismos forestais e as autoridades.
Esta mesma esixencia de concreción, considéraa para a aplicación das excepcións concedidas ao abeiro do artigo 9.
Pódese acceder ao texto completo do documento neste enlace.

