A zona demarcada do nematodo abarca unhas 50.000 hectáreas de piñeirais, nos que é precisa a promoción da silvicultura para conter a praga
A Asociación Forestal de Galicia trasladaralle esta semana á Xunta a necesidade de medidas de información aos propietarios, acompañadas dun plan de apoio a tratamentos silvícolas que contribúan a frear a praga.
A expansión da praga do nematodo no sur de Pontevedra, que veu acompañada da ampliación da zona demarcada, constitúe un reto para todo o sector forestal. Calcúlase que na actual zona demarcada hai unhas 50.000 hectáreas de piñeirais, nos que é precisa a promoción dunha correcta silvicultura para conter a expansión do problema.
A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que vén de manter na última semana sendas reunións informativas en Tomiño -o pasado sábado- e en Coruxo (Vigo) -na tarde noite de onte venres-, constatou a preocupación das comunidades de montes pola expansión da praga. Na próxima semana, a Asociación Forestal de Galicia ten prevista unha reunión coa Xunta en Pontevedra -na que participarán todas as organizacións da cadea da madeira-, para trasladarlle as demandas do sector forestal, en especial das comunidades de montes e dos propietarios forestais.
A actual zona demarcada engloba a unhas 220 comunidades de montes veciñais, que xestionan unhas 50.000 hectáreas de monte, ás que hai que sumar 20.000 hectáreas de propietarios particulares. En todo este territorio, faise preciso o establecemento dun programa específico de apoio á silvicultura para garantir a correcta xestión das masas de coníferas, de xeito que se potencia a súa mellora sanitaria.
A prevención do nematodo do piñeiro esixe a eliminación do monte de tódolos pés secos ou decaídos, así coma a trituración de restos de corta e poda (con trituradoras de martelo); sendo tamén conveniente a promoción de podas e desmestas. O obxectivo debe pasar por unha xestión activa do monte, erradicando situacións de abandono, pois será o único xeito de conter a expansión da praga.
Campaña informativa
A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que mantén unha postura conxunta co resto da cadea da madeira sobre a praga do nematodo, proporalle tamén a Administración o inicio inmediato dunha campaña informativa ós propietarios forestais, de xeito que se lles traslade información veraz e contrastada, que evite o pánico na propiedade forestal, xa que información alarmista ou non contrastada técnica e cientificamente podería ter como consecuencia que os propietarios rexeitaran masivamente a plantación de piñeiros e a súa escolla como opción forestal de futuro.
Outra cuestión que segue a preocupar no sector é a paralización temporal das vendas de piñeiro a Portugal, pois o país veciño constitúe un importante destino para o piñeiro de trituración do sur de Pontevedra, así coma para parte do piñeiro de serra.
A AFG abordará todas estas cuestións na reunión que manterá esta semana con Medio Rural e posteriormente, trasladaralle todas as posibles novidades que haxa ás comunidades de montes e propietarios forestais.