A irrupción da construción industrializada en madeira abre unha nova oportunidade para os montes de piñeiro e a industria forestal de Galicia
Máis de 200 profesionais do sector forestal, a industria da madeira e prescriptores (arquitectos, construtores, etc.) déronse cita o 25 de outubro no encontro Piñeiros 22, organizado pola Fundación Arume na Cidade da Cultura de Santiago, no que se analizou a oportunidade que se lle abre ao sector e á cadea forestal coa irrupción da construción industrializada en madeira, unha tendencia en auxe en Europa e que está a despegar na Península Ibérica.
O emprego da madeira nas estruturas dos edificios representa un cambio de paradigma, pois a edificación en altura con madeira reduce de xeito sustancial os tempos de construción, ao chegar todas as pezas a obra coas medidas e cortes precisos.
“No País Vasco, un proxecto de edificación de 68 vivendas en madeira rematou a súa montaxe en 12 semanas” – puxo como exemplo na xornada o arquitecto Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña-. “A madeira ten un gran potencial en edificios de altura media, 6 – 12 plantas, de cara a promover unha construción máis ecolóxica, pois o 60% da pegada de carbono dun edificio está na construción”, subliñou.
Unha das vantaxes claras da madeira é o seu papel como material que almacena carbono atmosférico, o que contribúe a mitigar o cambio climático. A este factor, a madeira suma outros puntos fortes, como o seu bo desempeño como illante térmico nas vivendas.
En España constrúense cada ano máis de 160.000 vivendas, das que actualmente menos do 1 % se levanta en madeira estrutural, unha tendencia que se espera que cambie radicalmente nos próximos anos.
O presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España, Juan Antonio Gómez-Pintado, salientou tres obxectivos clave para lograr unha maior presenza da madeira estrutural na construción.
“En primeiro lugar, precísase unha maior capacidade de industrialización da madeira para construción, para o que é necesaria a obtención de boa materia prima nos montes e tecnoloxía para a súa transformación. En segundo lugar, hai que reducir custos, co que chegaremos ao terceiro obxectivo, facilitar un maior acceso á vivenda” -detallou-. “Se non melloramos a capacidade de acceso á vivenda da cidadanía, o impacto que teremos será insuficiente”, valorou.
Demanda
Para a produción dos novos materiais que esixe a construción en madeira (madeira contralaminada -CLT-, estruturas lixeiras en madeira maciza, laminados, etc.), os expertos coincidiron en que se precisará recurso en cantidade e calidade suficiente.
Ao fío diso, o Centro Pinus (Portugal), que aglutina á cadea forestal – madeira do país veciño, advertiu da necesidade de aumentar a superficie e volume de produción das coníferas, xa que na actualidade o consumo de piñeiro da industria portuguesa da madeira é superior ó crecemento dos piñeiros en monte. “Houbo unha regresión dos montes de piñeiros, en boa medida propiciada polo abandono e por factores desincentivadores da actividade forestal, como os incendios e a praga do nematodo”, analizou a directora do Centro Pinus, Susana Carneiro.
Outro risco que perciben en Portugal é o aumento do consumo de madeira de piñeiro para pellets e centrais de biomasa, o que introduce unha competencia adicional polo recurso forestal.
En Galicia, estase a elaborar na actualidade unha análise da situación do recurso en monte, a cargo da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), responsable de acometer o Inventario Forestal Continuo de Galicia. En canto ese Inventario estea rematado, poderase facer un diagnóstico da situación dos montes de coníferas na comunidade, pero desde a perspectiva do sector e da propia Administración xa se avanza que son necesarias máis plantacións de piñeiro en monte, e en masas sometidas a coidados silvícolas (podas e rareos), para garantir a produción de suficiente madeira de calidade nos próximos anos.
O encontro Piñeiros, organizado pola Fundación Arume e cofinanciado pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), contou cun panel de relatores que incluíu destacados profesionais de España e Portugal, tanto do ámbito empresarial como do investigador e técnico, así como a representantes políticos.
Programa
O programa configurouse en tres coloquios temáticos. O primeiro deles levou por título ‘Os montes de piñeiro, a sustentabilidade do recurso e a industria da madeira’, e contou coas intervencións de Susana Carneiro (Centro Pinus, Portugal) e de Juan Picos e Julia Armesto (Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Uvigo).
O segundo bloque tématico centrouse nas oportunidades de mercado que se lle presentan ó recurso. Baixo o título ‘A madeira como material esencial na construción’, contouse coas intervencións de Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña; de Juan Antonio Gómez – Pintado, presidente da Asociación de Promotores e Constructores de España; de Sandra Llorente, directora xeral de Lignum Tech; e de Antonio Carlos Rodrigues, director xeral do Grupo Casais. Moderou Emma Romero, da plataforma Wood is Wood.
O último dos bloques temáticos titulouse ‘A cooperación Galicia – Portugal’ e incluiu dous relatorios. Un primeiro sobre os retos da mellora xenética e da resiliencia nos montes de coníferas, a cargo de Raquel Díaz (Centro de Investigación Forestal de Lourizán) e de Isabel Carrasquinho, do Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária. O segundo relatorio deste último bloque abordou unha experiencia de cooperación transnacional doutro sector económico con peso en Galicia e Portugal, o metalúrxico, cunha intervención da Federación Luso-Galaica de Industriais Metalúrxicos.
O acto foi clausurado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e contou na inauguración coa participación do director da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, Jacobo Aboal, coa do propio presidente da Fundación Arume, José Carballo, e co presidente do Centro Pinus, Joao Gonçalves.
Sobre a Fundación Arume
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto do sector forestal da comunidade. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento do piñeiro en Galicia, para o que traballa en catro liñas estratéxicas: silvicultura e restauración ambiental, mellora xenética, formación e marca.
O padroado da Fundación Arume está composto por representantes de toda a cadea de valor da madeira:
Asociación Monte Industria
Asociación Forestal de Galicia (AFG)
ABANCA
Asociación de Viveros Forestales de Galicia (VIFOGA)
Federación de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia (FEARMAGA)
Asociación Sectorial Forestal Gallega (ASEFOGA)
Clúster de la Madera y el Diseño de Galicia
Asociación de la 1º Transformación de la Madera de Lugo (LUGOMADERA)
Asociación de Empresas de Servicios Forestales de Galicia (SERFOGA)