Galicia participa nun proxecto transformador para previr grandes incendios con gando extensivo e queimas controladas
Un proxecto de xestión de combustibles forestais baseado na implementación de plans de herbivorismo pírico con gandería extensiva vén de ser apoiado pola Fundación Biodiversidade do Goberno de España. O proxecto, no que participan a Asociación Forestal de Galicia e a Universidade de Santiago (Campus Terra), conxuntamente con entidades de Navarra e Andalucía, desenvolverá modelos piloto de protección contra os incendios forestais durante os próximos 3 anos.
O obxectivo é innovar e modernizar a práctica combinada de queimas prescritas e pastoreo con gando extensivo, tal e como se vén facendo noutros países afectados polo risco de grandes incendios forestais. Así, o proxecto desenvolverá experiencias e plans piloto en distintos concellos de Galicia, aplicando novas tecnoloxías como os peches virtuais. Trátase dun sistema que controla a situación do gando a través de colares GPS que emiten sinais de advertencia para os animais no caso de que tenten saír das coordenadas establecidas para o pastoreo.
As experiencias e os plans piloto a desenvolver medirán o efecto das queimas controladas, combinadas con pastoreo, sobre a recuperación da vexetación e a evolución dos hábitats. Un punto de interese do proxecto radicará tamén na valoración do impacto das queimas controladas sobre arborado que, a baixa densidade, poida estar presente nas zonas das queimas controladas, a fin de valorar a compatibilidade desta práctica coa conservación do arborado.
Os ensaios desenvolveranse tanto en Galicia como nas comunidades de Navarra e Andalucía. Os plans piloto e experiencias a desenvolver buscan servir de exemplo no agro sobre posibles modelos empresariais que contribúan a crear paisaxes resilientes.
En definitiva, incídese na importancia de xestionar o territorio natural para conservalo, por medio de prácticas que sexan viables económica e socialmente.
Cómpre ter en conta que as condicións para a ocorrencia de grandes incendios forestais manteranse ou agravaranse nos próximos anos debido ó cambio climático. Ante ese escenario, os investimentos en extinción serán sempre insuficientes, pois os grandes incendios chegan a puntos nos que superan rapidamente o limiar da capacidade de extinción. A única ferramenta eficaz de protección pasa pola prevención.
O proxecto, denominado COMPÁS (PAStando COMbustible), é un dos 14 proxectos aprobados na convocatoria de subvencións para Grandes Proxectos Transformadores de índole científico técnica para a promoción da bioeconomía, da Fundación Biodiversidade. A iniciativa recibirá 1,36 millóns de euros de fondos Next Generation, por medio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
No proxecto participan cinco socios: a Universidade Pública de Navarra, a Estación Experimental de Zaidín (CSIC), a Universidade de Santiago, a Asociación Pastores por el Monte Mediterráneo e a Asociación Forestal de Galicia. Tamén se contará con apoios de organismos públicos de xestión, así como con empresas e entidades de ámbito autonómico e local, que participarán activamente nas accións do proxecto.