A Fundación Arume presenta o programa de Piñeiros’25, o encontro anual da cadea monte industria, con Chile e Uruguai como países convidados
Fundación Arume presenta o programa de Piñeiros’25, a quinta edición do encontro internacional especializado nas coníferas, que se desenvolverá o martes 28 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago (Edificio Fontán). Este ano, como novidade, Piñeiros’25 incluirá dúas xornadas técnicas adicionais o xoves 30 no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) e na Casa RIA (Santiago).
O evento principal de Piñeiros’25, o martes 28 na Cidade da Cultura, arrancará cunha conferencia principal sobre o pavillón español na Bienal de Arquitectura de Venecia e con tres bloques temáticos que abordarán cuestións de destacada actualizada a nivel social e forestal. Un primeiro bloque abordará o futuro da vivenda, analizando o papel da madeira como transformador do mercado inmobiliario. A continuación, tratarase a situación de sanidade forestal das coníferas e o evento pecharase á tarde cun debate sobre o piñeiro como elemento cultural en Galicia.
Este ano, Piñeiros’25 contará con Uruguai e Chile como países convidados, con relatores de ambos países que explicarán as claves do seu traballo tanto no ámbito da construción en madeira como no da sanidade forestal.
Chile destaca como un expoñente internacional na mellora xenética de piñeiro radiata, unha especie tamén amplamente estendida en Galicia; en tanto o caso uruguaio, a nivel forestal, interesa pola súa experiencia co piñeiro taeda, unha conífera que se está introducindo en Galicia debido á súa resistencia a enfermidades e pragas, caso do fungo das bandas e do nematodo do piñeiro.
Piñeiros’25 conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.
PROGRAMA PIÑEIROS’25. V Encontro Intersectorial do Piñeiro de Galicia
Data: martes, 28 de outubro de 2025
Lugar: Edificio Fontán – Cidade da Cultura, Santiago de Compostela
08:45 Recepción e acreditación de asistentes.
09:15 Apertura.
• Xosé Mera, presidente da Fundación Arume.
• Representante institucional da Xunta de Galicia.
09:30 Internalities: arquitecturas para un equilibrio territorial
• Apertura: Iñaqui Carnicero, Secretario Xeral de Axenda Urbana, Vivenda e Arquitectura.
• Roi Salgueiro e Manuel Bouzas, comisarios do pabellón de España na Bienal de Arquitectura de Venecia 2025.
• Modera: Daniel Ibáñez, director do IAAC.
10:15 O futuro da vivenda: como a construción con madeira pode transformar o mercado inmobiliario.
• Modera: Vanesa Baño, senior researcher en proxectos europeos en InnovaWood.
• Javier Burón Cuadrado, director xerente de Nasuvinsa.
• Juan Antonio Gómez Pintado, presidente do Grupo Vía Agora.
• Cazú Zegers, arquitecta. Fundadora e directora do Estudio Cazú Zegers.
• Jordi Carbó, socio arquitecto en Celobert Cooperativa.
11:45 Pausa café
12:15 As doenzas dos piñeiros. Experiencias e leccións aprendidas dende América Latina para Galicia.
• Modera: Carlos Faroppa, ex-director xeral Forestal de Uruguai.
• Rodrigo Ahumada, Subgerente de Sanidad Forestal y Silvicultura. Centro de Excelencia – ARAUCO (Chile).
• Juan Pedro Posse, director da Estación Experimental de INIA Tacuarembó (Uruguai).
• Carlos Iglesias, responsable de desenvolvemento forestal de VETA (Finsa).
13:45 Xantar
15:30 O piñeiro como elemento cultural en Galicia.
• Modera: Lourenzo Fernández-Prieto, director do CISPAC.
• Miguel Anxo Seixas, Presidente da Fundación Castelao.
• Patricia Blanco, Fundación Eduardo Pondal.
• Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira.
17:00 Peche. Representante institucional
Sobre a Fundación Arume
A Fundación Arume, entidade declarada de interese para o desenvolvemento forestal de Galicia, está integrada polo conxunto da cadea forestal – madeira da comunidade: asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos e enxeñaría, viveiros, serradoiros, fabricantes de taboleiro, Universidade de Vigo e Abanca. A Fundación traballa a prol do desenvolvemento do territorio, da súa multifuncionalidade, resilencia e biodiversidade.

