A conselleira do Medio Rural visita a agrupación forestal de Moalde promovida pola AFG
O 23 de xuño acompañamos á conselleira do Medio Rural, María José Gómez e á directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, na súa visita á á Agrupación Forestal de Xestión Conxunta de Moalde, en Silleda.
O director da AFG, Xosé Covelo, e a enxeñeira forestal Marta Martínez, explicáronlle polo miudo os traballos feitos e os previstos nesta nova agrupación forestal.
Esta agrupación de Silleda constituíuse, coa axuda da Asociación Forestal de Galicia e nela participan unhas 56 persoas propietarias forestais que reúnen arredor de 88 ha de monte.
Na súa visita, a conselleira destacou o papel das agrupacións forestais de xestión conxunta como ferramentas de gran utilidade para a posta en valor do monte e a loita contra o abandono. Agrupacións que están sendo promovidas pola Consellería financiando a súa creación con varias ordes de axudas específicas para a súa creación. Dunha delas foi beneficiaria esta agrupación de Silleda, e agárdase de que poidan chegar a constituírse unhas 65 en toda Galicia.
No caso de Moalde vense traballando na posta en marcha da agrupación desde o ano 2024. Agora queda por facer o traballo específico da xestión do monte agrupado, no que se agarda combinar diferentes producións forestais desde o castiñeiro destinado á produción de froito ata o piñeiro para madeira de calidade. Ademais estase avaliando a posibilidade de delimitar unha área para uso gandeiro (silvipascicultura).
Prevese, do mesmo xeito, avanzar cara a certificación forestal da agrupación e camiñar cara a certificación en servizos ecosistémicos das áreas de maior valor ambiental.

