A Conselleira do Medio Rural comprométese a conseguir recursos para o financiamento dun plan de restauración forestal dos montes queimados
O mércores 13 de decembro a Conselleira do Medio Rural acompañada polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, o xefe territorial de Pontevedra e os xefes provinciais de Montes e Incendios Forestais, achegáronse á sede de Ponteareas da Asociación Forestal de Galicia onde mantiveron un encontro con directivos, técnicos, presidentes de comunidades e mancomunidades de montes da Asociación Forestal de Galicia.
No encontro presentóuselle a avaliación de danos e prexuízos ocasionados nos montes dos socios da AFG afectados polos lumes de outubro, cantidade que ascende a 18.938.078€, mentres que a restauración do que serían masas arboradas non maduras ascendería a 10.905.506 €. Neste senso a Conselleira de Medio Rural comprometeuse cos representantes da Asociación Forestal de Galicia a habilitar recursos para financiar e desenvolver un plan de restauración forestal dos montes queimados.
Durante a xornada expuxéronse as propostas contempladas no marco do acordo do sector forestal sobre montes queimados que recentemente lle fixeron chegar o conxunto das organizacións do sector forestal galego á Consellería. Incidiuse na urxencia de tomar medidas excepcionais de cara á corta e saca da madeira queimada na zona demarcada polo nematodo, sobre todo no que se refire ao grande volume de madeira de serra existente. A administración forestal comunicou que negocia co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente medidas excepcionais para permitir a saída de madeira en rollo a serradoiros autorizados fora da Zona Demarcada ata o 31 de marzo de 2018, medida que de feito facilitará a eliminación do elevado volume de madeira de piñeiro sintomática da zona demarcada.
Os representantes da Asociación Forestal de Galicia, logo de expoñer as necesidades inmediatas de cara aos recentes incendios, presentáronlle á Conselleira medidas necesarias para dinamizar o monte e rural galego, entre outras, unha nova formulación das axudas públicas dirixidas aos montes, un novo marco de relacións entre os funcionarios dos distritos forestais e os propietarios e comunidades de montes e a urxencia de simplificar a normativa forestal e ambiental para facela compatible coa actividade forestal.
A Asociación Forestal de Galicia agradeceu á Conselleira e ao seu equipo achegarse aos propietarios forestais para escoitalos e comprobar directamente as dificultades e o importante traballo de xestión forestal que realizan moitos comuneiros, contando co apoio do equipo técnico da Asociación Forestal de Galicia, de cara a optimizar a xestión dos montes veciñais e a posta en valor dos montes.
Para rematar a xornada, a Conselleira desprazouse ao monte veciñal de Couso e outros montes veciñais da contorna onde puido comprobar in situ o impacto da catástrofe e a necesidade de elaborar e desenvolver un plan de restauración da masa arborada con medidas máis rigorosas de prevención e defensa contra os incendios e de defensa dos núcleos rurais da contorna dos montes.
A Conselleira volverá reunirse cos afectados en tres meses para analizar os resultados e a evolución das propostas formuladas.