A Comisión Europea publica unha Comunicación sobre xestión de incendios forestais
Á vista de que en 2025 a superficie total queimada na UE superou por primeira vez o millón de hectáreas, a Comisión Europea publicou no pasado mes de marzo unha Comunicación sobre a xestión integrada do risco de incendios forestais, na que se establece o enfoque estratéxico da UE ante unha ameaza cada vez maior.
A Comunicación adopta un enfoque integrado que abrangue todo o ciclo de xestión do risco de catástrofes, desde a prevención e a preparación ata a resposta e a recuperación. Recoñece que os incendios forestais constitúen un risco sistémico para a UE que require unha acción coordinada entre os distintos ámbitos políticos, niveis de gobernanza e grupos de partes interesadas, ao tempo que afirma que a responsabilidade da aplicación recae principalmente nos Estados membros e nas persoas propietarias e xestoras forestais.
A Comunicación recoñece explicitamente a xestión forestal activa e sostible como pedra angular da resiliencia fronte os incendios forestais. A Comisión comprométese a recompilar e difundir as mellores prácticas en materia de xestión sostible da vexetación combustible, e a presentar, de aquí a 2027, prácticas eficaces demostradas a través de proxectos de investigación financiados pola UE.
Ademais, a Comunicación confirma que a Política Agrícola Común debe seguir sendo o principal instrumento de financiamento da UE para a prevención de incendios forestais no vindeiro período de programación (2028-2034), abranguendo investimentos na xestión forestal activa e sostible, incluíndo os rareos, a poda, a diversificación de especies, as devasas e infraestruturas de camiños forestais.
Tamén fai referencia á Estratexia de Bioeconomía da UE como ferramenta para mobilizar a biomasa infrautilizada nas rexións propensas aos incendios e reforzar as cadeas de valor rurais. A Comisión publicou simultaneamente as súas orientacións sobre Natura 2000 e cambio climático, que teñen por obxecto promover medidas de redución de combustible compatibles cos obxectivos de conservación. Tamén anunciou unha Recomendación do Consello sobre a xestión integrada do risco de incendios forestais.
Pódese ler en inglés o texto completo da Comunicación neste enlace.

