A cadea de valor forestal-madeira reúnese para abordar os principais retos aos que se enfronta no novo curso
Representantes da cadea de valor forestal-madeira de Galicia mantiveron unha reunión de traballo co obxectivo de fixar as liñas de actuación para o novo curso que comeza. Deste modo, reactívase o traballo colaborativo no seo das diferentes comisións da cadea.
Nesta primeira xuntanza, puxéronse de relevo as principais preocupacións das asociacións do sector que marcarán a folla de ruta dos vindeiros meses, esencialmente vencelladas á execución das diversas liñas do Plan Forestal de Galicia orientadas a unha maior sostibilidade, produtividade dos montes galegos de modo que xeren un maior valor á sociedade, así como ao desenvolvemento dun novo plan estratéxico para o sector.
Os representantes das diferentes asociacións da cadea acordaron volver reunirse a finais deste mes de setembro co propósito de materializar un resumo do traballo realizado nas diferentes comisións, compartir os logros conseguidos, así como establecer os obxectivos a curto e medio prazo.
Comisións de traballo na cadea de valor forestal de Galicia
Desde hai máis de cinco anos, a cadea de valor forestal está organizada en comisións de traballo co obxectivo de ter máis presenza social e manter un diálogo fluído coa Administración.
Entre os grandes logros acadados en Galicia cunha intensa participación da cadea atópanse o Plan Forestal de Galicia, o desenvolvemento dun sistema estatístico forestal que inclúe inventario continuo, a consecución dunha dirección xeral exclusivamente para planificación e ordenación do monte, cun orzamento independente da extinción de incendios, e diversas medidas de simplificación administrativa.
Con esta dinámica de traballo, que respecta a soberanía de cada asociación e fortalece a unidade da cadea, acadáronse logros moi positivos para todo o sector, dándolle prioridade ao consenso, poñendo o foco sobre os problemas que compartimos e trasladando unha visión conxunta a toda a sociedade.