A Asociación Forestal de Galicia subliña que os montes veciñais son unha figura de propiedade “imprescritible”
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) advirte de que a Xunta de Galicia está a poñer sobre a mesa un debate xa amplamente superado, como é o da imprescritibilidade do monte veciñal, unha característica que avala tanto a normativa vixente como a xurisprudencia na materia e a propia Constitución española.
As recentes declaracións do presidente da Xunta de Galicia remarcando a necesidade de que se dea unha resposta satisfactoria á problemática de ocupación de monte veciñal resultan claramente desafortunadas, a criterio da Asociación Forestal de Galicia, xa que, se ben nun primeiro momento o presidente avoga por buscar liñas que dean satisfacción a todas as persoas afectadas, acaba suxerindo que, de non producirse ese consenso, a propia Xunta de Galicia avanzará na regulación do monte veciñal que xa non é usado como tal.
Con estas palabras, o presidente da Xunta de Galicia parece asignarlle á Administración autonómica unhas competencias coas que non conta. Se unha superficie foi monte veciñal no pasado, non se perde nunca esa condición porque a imprescritibilidade do monte veciñal é unha característica principal que ten este tipo de propiedade. “O presidente pon sobre a mesa un debate amplamente superado, tanto pola existencia de innumerable normativa en vigor que fai referencia a esa característica principal, como pola gran cantidade de xurisprudencia reafirmando ese carácter imprescritible, con ratificación posterior do Tribunal Supremo naqueles casos que chegaron a esa instancia”, afirma José Luis Campos, vicepresidente de montes veciñais da Asociación Forestal de Galicia.
A Constitución española cualifica ademais como imprescritibles aos montes comunais, polo que se pode considerar que a propia Constitución española apoia o criterio de imprescritibilidade dos montes veciñais que, sen ser comunais, teñen moitas características comúns con eles. Pero é que ademais, a intención manifestada polo presidente da Xunta de Galicia de avanzar na regulación do monte veciñal que xa non é usado como tal, coa previsible intención de non clasificar como montes veciñais os terreos que teñan outros usos nos últimos anos, chocaría de fronte coa lexislación estatal, de rango superior, no que se establece con manifesta claridade a imprescritibilidade da superficie veciñal, con independencia do seu uso actual ou no pasado.
Nos últimos tempos, estase observando como este é o criterio utilizados polos Xurados Provinciais de Montes Veciñais, dependentes da Xunta de Galicia, non clasificando de forma xeral superficies con usos distintos ao forestal, o que obriga a acudir á xustiza ordinaria, onde se confirma que son decisións contrarias a Dereito.
“Criticar sentenzas xudiciais, asegurando ao mesmo tempo que se regulará en sentido contrario a esas sentenzas, de forma que se acabará eliminando a característica principal do monte veciñal, non é defendible dende o punto de vista do interese xeral”, recalca José Luis Campos.
A Asociación Forestal de Galicia lembra que os montes veciñais son un valioso patrimonio ambiental, social e cultural da sociedade galega, cunha superficie que ronda as 600.000 hectáreas, o que supón un 20 % do territorio galego. “É un reto da sociedade galega rematar a recuperación dos montes veciñais e transferilos nas mellores condicións ás xeracións futuras”, destaca a AFG.
No libro branco elaborado recentemente pola Consellería do Medio Rural para establecer os aspectos que debe regular a nova redacción da Lei de montes veciñais, indícase que o carácter imprescritible do monte veciñal “debería conformar o contido dun apartado inicial de disposicións xerais, que necesariamente ten que figurar na lei”, remarcando no mesmo texto que “cumpre incorporar á lexislación de montes veciñais en man común unha regulación sobre a natureza do solo conforme aos novos usos e actividades que se desenvolven no monte veciñal”.
Por isto, resulta incongruente que o propio presidente da Xunta de Galicia, contra o criterio establecido no libro branco para a redacción da Lei de montes veciñais de Galicia, que foi redactado a partir das achegas de todo o sector forestal, avogue por facer depender a cualificación de monte veciñal do uso que se lle dea ao mesmo.