A Asociación Forestal de Galicia propón estender a todos os propietarios forestais o Réxime fiscal de Estimación Obxectiva
A Asociación Forestal de Galicia celebrou o 18 de xuño a súa XXXV Asemblea Xeral no Pazo de Toubes, en Cenlle, un acto ó que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de toda Galicia.
A xornada serviu para poñer de manifesto algunhas das propostas que teñen os silvicultores para mellorar a xestión do monte. En concreto, a Asemblea aprobou dúas resolucións sobre cuestións que os propietarios consideran prioritarias: a mellora da fiscalidade forestal e a actualización do Catastro de Rústica.
Sobre a fiscalidade, a Asociación Forestal de Galicia ten principalmente tres propostas:
Permitir que todos os propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos).
A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de quendas longas, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior aos 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias.
En aproveitamentos de quendas longas, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa -por exemplo, a gran maioría das persoas autónomas-, pagan ata catro veces máis impostos no Imposto sobre a Renda que as persoas que estean no Réxime de Estimación Obxectiva (como os traballadores por conta allea).
O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ao real.
Dáse o contrasentido de que estes propietarios pagan máis canto máis se alonga a quenda de corta, cando na práctica, a taxa de retorno de investimentos dos piñeirais e das plantacións de frondosas é menor ca nas especies de crecemento rápido.
Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de quenda longa, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciou xestións ante o Goberno para modificar a fiscalidade. Os silvicultores piden que todos os propietarios forestais particulares poidan tributar a súa actividade forestal no Réxime de Estimación Obxectiva.
No caso dos montes veciñais e empresas que tributen no Imposto sobre Sociedades, proceder a unha exención parcial do imposto nos aproveitamentos forestais de quendas de máis de 30 anos.
Esta medida, igual ca no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e achegaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias (castiñeiros, cerdeiras, carballos, etc.) e de coníferas.
Establecer deducións no IRPF de entre o 20 % e o 40 % dos investimentos feitos no monte.
A dedución do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes permitindo unha dedución do 20 % do custo deses traballos, dedución que se duplica no caso de investimentos en masas de carácter protector.
Catastro de Rústica
Outra das actuacións prioritarias que contribuiría á mellora da xestión forestal é a actualización do Catastro de Rústica. O actual Catastro está desactualizado e contén numerosos erros, o que dificulta todo tipo de actividades forestais (cortas, solicitude de axudas, etc.).
A situación do Catastro é ademais un obstáculo claro para a posta en marcha de agrupacións conxuntas de xestión forestal, que contribúan a solucionar os problemas derivados do minifundio. Os erros do Catastro dificultan a identificación de propietarios e parcelas, o que converte calquera proxecto de agrupación nunha tarefa titánica.
A Asemblea da AFG acordou emprazar ás Administracións a poñer en marcha unha urxente revisión do Catastro, a fin de actualizalo e de resolver os problemas que presenta.
Compensacións de CO2
A asemblea aprobou unha resolución para instar ás empresas que compran dereitos de CO2 para que o produto das vendas reverta na propiedade dos montes e non en intermediarios e especuladores.
Parques eólicos
Ademais, tras unha proposta presentada polos socios no transcurso da asemblea, acordouse trasladar á Administración a necesidade de revisar a compensación aos propietarios dos terreos afectados polos proxectos de parques eólicos, dado o impacto que supón no territorio.
Tralo remate da Asemblea, as arredor dun cento de persoas participantes compartiron unha comida de confraternidade e á tarde unha parte desprazáronse ao monte de Ridimoas (Beade), onde se programou unha visita a este espazo singular orientado á conservación.