A Asociación Forestal de Galicia inicia a creación dunha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte para garantir a sostibilidade
A Asociación Forestal de Galicia (AFG) celebrou sábado 29 de abril a súa XXXVI Asemblea Xeral no Pazo de Mariñán (Bergondo, A Coruña), un acto ó que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de toda Galicia.
A Asemblea serviu para facer balance da actividade da Asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é a aposta da Asociación Forestal de Galicia por impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte, como vía para superar os problemas derivados do minifundio, así como garantía de sostibilidade.
A AFG comezou xa a creación de cinco proxectos de xestión conxunta nas provincias da Coruña e Pontevedra, e ten máis iniciativas en fase inicial na Mariña lucense e na costa coruñesa, estas últimas en colaboración con asociacións locais de produtores de madeira de eucalipto (Promas).
Contexto das agrupacións
As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade.
Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a garantir montes máis sostibles, avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.
Para que a posta en marcha das agrupacións de xestión conxunta poida ser plenamente efectiva, é preciso aínda que a Xunta concrete tanto o proceso administrativo a seguir como as axudas que convocará para fomentalas.
Doutra banda, a Asociación Forestal de Galicia insiste novamente na necesidade de subsanar os numerosos erros que presenta o Catastro, pois dificulta a identificación de propietarios e parcelas, o que convirte a creación de agrupacións de xestión conxunta nunha tarefa titánica.
Necesidades estratéxicas do sector
Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, desde a óptica dos propietarios forestais e comunidades de montes socias. Algunhas das principais liñas abordadas, nas que se empraza aos Gobernos a actuar, son as seguintes:
- Mellorar a fiscalidade forestal e o financiamento da actividade silvícola. A xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, é preciso que se incentive esa xestión, poñendo en práctica axudas dirixidas aos propietarios forestais particulares que coidan o seu monte con criterios de sostibilidade. Inclúe a planificación de traballos como rozas, podas, rareos ou introdución de plantas melloradas xenéticamente cunha fiscalidade forestal máis atractiva. Todo isto promoverá que a xente nova se involucre no monte.
- Aumentar o apoio público a montes en Rede Natura. Os montes en Rede Natura presentan unha serie de limitacións de usos e aproveitamentos, polo que deben recibir contrapartidas. A Asociación Forestal de Galicia propón desde hai anos medidas como a posta en marcha de compensacións para os propietarios afectados, así como unha intensificación dos traballos forestais públicos sobre eses territorios, de común acordo cos propietarios.
- Enfocar a investigación forestal nas necesidades do sector. En ocasións percíbese unha desconexión entre as liñas de investigación financiadas con fondos públicos e as necesidades do sector. Son precisas liñas de investigación que aborden os desafíos que presentan as principais especies forestais de Galicia en materia de sanidade forestal, mellora xenética e cambio climático.
- Adaptar a normativa de loita contra os incendios forestais á realidade social e urbanística de Galicia, sen impoñer penalizacións e cargas excesivas sobre os propietarios forestais, de tal maneira que se mutualice, é dicir, que se distribúa equitativamente entre a totalidade da poboación a carga da xestión e prevención de incendios.