A Asociación Forestal de Galicia inaugura unha oficina de atención a socios en Pontevedra, no Centro cultural de Santa María de Xeve
O 6 de xuño, a Asociación Forestal de Galicia inaugurou en Pontevedra unha oficina de atención a socios que está ubicada no Centro cultural de Santa María de Xeve. O acto de apertura oficial incluíu unha conferencia do presidente da Asociación Forestal de Galicia e catedrático emérito da USC, Antonio Rigueiro, quen falou sobre o silvopastoralismo e a mellora de pastos a través de queimas controladas (herbivorismo pírico) como ferramentas de prevención de incendios forestais.
A nova oficina de atención da Asociación Forestal de Galicia complementa ás que xa ten a entidade en Ponteareas e Santiago de Compostela. O obxectivo da apertura da oficina de Pontevedra é darlle un servizo máis próximo ás persoas socias do norte da provincia de Pontevedra, tanto da propia comarca de Pontevedra como do Salnés, Caldas, Morrazo e Tabeirós-Terra de Montes. Tamén se lle prestará atención á área do Ribeiro–Arenteiro, na provincia de Ourense.
O servizo da oficina estará atendido por tres enxeñeiros forestais e por un capataz forestal, que previamente estaban noutras oficinas da Asociación Forestal de Galicia. Deste xeito, a nova oficina facilitará a consulta das persoas e comunidades socias, á vez que se facilita o traballo en monte do persoal da Asociación Forestal de Galicia, tanto na comarca de Pontevedra como nas próximas.
A Asociación Forestal de Galicia quere agradecer a boa acollida e apoio que tivo esta oficina por parte do Concello de Pontevedra e da comunidade de montes veciñais de Santa María de Xeve.
Desde a Asociación Forestal de Galicia agárdase asimesmo que a nova oficina de atención en Santa María de Xeve contribúa a ampliar o número de persoas socias no norte da provincia de Pontevedra, pois ofréceselles a propietarios forestais e comunidades de montes veciñais un servizo próximo de aconsellamento e xestión das súas propiedades.
A conferencia impartida por Antonio Rigueiro enmarcouse dentro das actividades de divulgación do COMPÁS: modelos de desenvolvemento rexional sobre herbivorismo pírico, unha ferramenta para a conservación ambiental e a fixación e protección da poboación. COMPÁS está coordinado pola Universidade Pública de Navarra no que participan ademais a Asociación Forestal de Galicia (AFG), a Estación Experimental do Zaidín de Granada (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Pastores polo Monte Mediterráneo.
COMPÁS conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
![]()

