A Asociación Forestal de Galicia impulsa un programa de formación en silvicultura para a produción de madeira de alto valor
A Asociación Forestal de Galicia (AFG), desenvolverá este outono un programa de formación orientado a mellorar a silvicultura en Galicia. O obxectivo é que os propietarios e xestores forestais adquiran os coñecementos precisos para a produción de madeira de alto valor. A AFG ten previsto desenvolver catro cursos sobre o manexo silvícola das coníferas (piñeiros) e outros tres sobre a silvicultura de frondosas caducifolias (como cerdeira, castiñeiro, carballo americano, etc.).
As accións formativas terán unha parte teórica, en aula, e outra parte práctica, que se fará en monte. Os cursos abordarán aspectos como as boas prácticas na plantación, as podas de formación e desenvolvemento da árbore ou a execución de desmestas e rareos.
Con esta actividade, a Asociación Forestal de Galicia formará ós propietarios forestais interesados na produción de madeira de alto valor, para a que se precisan árbores rectas, sen nós e de diámetros suficientes. É unha madeira que está a ser demandada e valorada pola industria galega da madeira, polo que a execución dos coidados precisos nunha plantación forestal derivará nunha maior rendibilidade para os propietarios.
Outras actividades formativas: xestión de montes veciñais, nematodo do piñeiro e certificación forestal
O programa formativo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para mellorar o manexo e xestión dos montes inclúe outra serie de accións formativas nas próximas semanas. A AFG, que xa iniciou en agosto a realización de cursos para propietarios e xestores forestais, ten programados proximamente 9 cursos sobre xestión das xuntas reitoras de montes veciñais, 2 sobre certificación forestal e outros 2 sobre a praga do nematodo do piñeiro, que afecta ó sur de Pontevedra.
O calendario previsto dos cursos, que contan co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) pódese consultar aquí.
Os cursos son gratuítos, pero é precisa a inscrición previa, ben a través do enderezo afg@asociacionforestal.org, ben a través dos teléfonos 981 564 011, 986 660 864 e 618 752 214.